Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 noviembre, 2023
16/11/2023.- As autoras catalás Núria Figueras e Anna Font recibiron hoxe, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi, o «Premio internacional Compostela para álbums ilustrados 2023», convocado polo Concello de Santiago en colaboración coa editorial Kalandraka dotado con 9.000 euros de retribución así como coa publicación da obra en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués. «A visita» foi seleccionado polo xurado por por tratarse dun «álbum ilustrado perfectamente construído que nos achega a un concepto tan abstracto como é o silencio. Nunha sociedade como a actual, saturada de ruído, de contaminación sonora, a reivindicación de momentos de silencio e de soidade é cada vez máis necesaria».
‘A visita’ impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 261 proxectos procedentes de 22 países: España, Italia, Portugal, Canadá, China, Perú, Arxentina, Brasil, Rusia, Estados Unidos, Israel, México, Turquía, Ecuador, Alemaña, Irlanda, Francia, Dinamarca, Bélxica, Chipre, Colombia, Eslovenia e Chile.
Durante o acto, Núria Figueras agradeceu o premio ao xurado e defendeu a necesidade do silencio nunha sociedade chea de ruído, xa que «se abrimos a porta ao silecio, abriremos a porta á tranquilidade, e se como a raposiña do conto, conseguimos gozar da súa compañía, aprenderemos a estar sós con nós mesmos, e só así podermos estar ben cos demais «. A ilustradora Anna Font dedicou o galardón á súa familia e persoas próximas e agradeceu de xeito especial a decisión do xurado por ter recoñecido o seu traballo na obra gañadora xa que «foi un enorme esforzo e un reto moi complexo».
Na súa interención, Xosé Ballesteros, un dos fundadores e director da Editorial Kalandraka, fixo un chamamento a que «haxa moitos libros en papel para a infancia fronte a tiranía da conectividade e o todo dixital». «Reivindicamos a beleza, a que se pode tocar, sentir, tanxible como as páxinas dun libro», por iso «debemos felicitarnos cando se publica un libro fermoso, como é o caso de ‘A visita’2, engadiu.
A continuación, Xosé Ballesteros fixo entrega dos exemplares do libro traducidos a cinco linguas ás súas autoras, á alcaldesa e á concelleira de Educación, Míriam Louzao. A obra premiada constituirá un dos eixos na proxección exterior da citada editorial e da cidade de Santiago a través das feiras internacionais do libro.
Na súa intervención, a alcaldesa, parabenizou as autoras catalanas, e recordou, que como aborda a obra galardoada «os silencios son imprescidibles» xa que «se non nos escoitamos antes a nós non é posible crear música ou danza» e cualificou ‘A visita’ como «un libro fantástico desde o punto de vista do guión, polo que transmite e suxire, e tamén desde o punto de vista da ilustración, un auténtico luxo para nós» e cun título que serve para»positivar o silencio».
No acto, conducido pola técnica responsable do departamento de Educación, Beatriz Varela, actuou o recoñecido músico Xabier Díaz, acompañado de Roberto Grandal no acordeón e Iván Costa na zanfona, que deleitaron con varios pezas a todas as persoas que asistiron ao acto, entre elas, varios membros da Corporación municipal.
Valoración do xurado
O xurado estivo formado por Asun Agiriano Altuna, Catarina Sobral, Ignasi Blanch, Xosé Cobas e a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez. A alcaldesa do Concello de Santiago e, por delegación, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, actuaron como presidentas do xurado; e a técnica do Departamento de Educación, Cristina Salgado, como secretaria.
Na súa valoración, o xurado destacou que ‘La visita’ é un «álbum ilustrado perfectamente construído que nos achega a un concepto tan abstracto como é o silencio. Nunha sociedade como a actual, saturada de ruído, de contaminación sonora, a reivindicación de momentos de silencio e de soidade é cada vez máis necesaria».
Segundo o fallo, o texto de Núria Figueras ten unha «gran calidade literaria» e «preséntanos a visita do silencio -personificado- á casa onde vive un pequeno raposo. A narración, áxil e tenra, logra que o lector ou lectora se reencontre coa súa propia esencia».
O xurado tamén salientou o rexistro gráfico de Anna Font que «é dun cromatismo desbordante e cheo de matices» no que «o silencio móstrase cunha síntese efectiva, plena de expresividade» e no que «a ilustradora domina á perfección á arte secuencial do álbum e a construción do discurso narrativo».
Anna Font
Artista vocacional, autodidacta, iniciase na pintura e no debuxo da man de Agustí Roca e Núria Balcells. Máis adiante fórmase na Escola de la Dona e no Centro Universitario de Deseño e Arte de Barcelona (EINA).
Recibiu o Premio de Albúms Ilustrados Vila de Térmens (2021) e o Premio da Crítica Serra d’Or (2020). Foi seleccionada como finalista na Feira de Boloña durante dous anos consecutivos, no 2020 e no 2021.
Tamén publicou en prensa para revistas infantís e xuvenís como El Tatano, Cavall Fort,e Pantera, de Savanna Books, e traballou ilustrando libros escolares e de texto, para editoriais como Teide e Edelvives.
Na actualidade, compaxina o seu traballo como ilustradora coa docencia, impartindo cursos de ilustración e obradoiros para escolas, centros cívicos e, na actualidade, dende o seu propio espazo.
Nuria Figueras
É licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Autònoma de Barcelona. Traballou en diversas editoriais e actualmente é a editora da revista infantil El Tatano, o Cavall Fort dels petits.
Sempre se interesou pola literatura infantil e publicou varios contos para nenos e nenas. No ano 2002 gañou o premio Mercè Llimona coa obra El senyor Jeroni i les sardines, e no ano 2003 o premio Comte Kurt con El mitjà. Tamén publicou moitos contos e algunas poesías na revista El Tatano.
Actividades paralelas
Como vén sendo habitual, coincidindo coa data de entrega do Premio Compostela, a autora premiada mantivo onte unha sesión co alumnado do IES de Sar e do CIFP Compostela para coñecer de primeira man o proceso de elaboración do álbum, as técnicas utilizadas, as fontes de inspiración, a traxectoria profesional, etc.
Obras premiadas en anteriores edicións
A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca». Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Alejandro. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum
«O can de Milu». Na edición seguinte resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880». Marina Gibert, con «Selva», foi a gañadora en 2021. Na pasada convocatoria o premio foi para «Esperando o amencer», da artista peruana Fabiola Anchorena.
Na súa traxectoria, o certame suma máis de 4.000 obras presentadas dende numerosos países. Ademais, algúns dos libros distinguidos co Premio Compostela teñen colleitado outros recoñecementos de ámbito estatal e internacional, figurando nos Premios Nacionais de Edición, na Lista de Honra IBBY, na selección The White Ravens e no Premio Cuatrogatos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)