Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 enero, 2025
Ames, 7 de xaneiro de 2025.- O deportista Jorge Pérez, do club ciclista amesán Os Esfola Arrós, proclamouse esta pasada fin de semana subcampión galego da categoría máster 30 no campionato de Galicia de ciclocrós celebrado este pasado 4 de xaneiro en Ponteareas.
O ciclista de Ames, Jorge Pérez, do club Os Esfola Arrós, vén de proclamarse subcampión galego da categoría máster 30 no Campionato de Galicia celebrado na localidade de Ponteareas esta pasada fin de semana. Con este resultado, o amesán consolida unha gran tempada na que acadou o terceiro posto no ranking xeral da Copa de Galicia nesta categoría de ciclocrós.
A proba disputada este pasado 4 de xaneiro, supón o peche da tempada en Galicia. Para Jorge Pérez estes bos resultados implican “unha motivación para seguir traballando e loitando polos teus obxectivos. Non gaño a vida disto e que os resultados acompañen axuda a seguir tendo un alto nivel adestrando e continuar a adicarlle tanto tempo”.
O resto do podio foi completado por Aquiles Sordo, do equipo Caimanes Betanzos, que acadou a primeira posición, e por Francisco Baña, do club Cidade de Santiago e que conseguiu a terceira praza.
A pesar de levar toda unha vida ligado ao ciclismo, é a terceira tempada que o ciclista amesán participa na modalidade de ciclocrós. Unha modalidade que, asegura, “ten un compoñente moi grande de sorte, pois son só probas de 40 minutos nas que vai todo moi rápido e un mínimo detalle ou erro pode influír moito”. Nas súas tres participacións no Campionato de Galicia, Jorge Pérez acadou un primeiro posto e dous subcampionantos, amosando a súa gran forza e destreza nesta competición.
Copa de Galicia
Por outra banda, dentro do ciclocrós galego, tamén se desputan 10 probas Copa de Galicia, un campionato que comezou este pasado 12 de outubro en Porriño. Tras varios segundos postos na Copa de Galicia, Jorge Pérez rematou terceiro no ranking xeral da competición, consolidándose como un dos grandes rivais a bater nesta categoría.
Campionato de España de ciclocrós nas Pontes
O seguinte obxectivo para o ciclista amesán é o Campionato de España de ciclocrós que se celebrará na localidade das Pontes o vindeiro 12 de xaneiro. O deportista asegura que será unha competición complicada mais conta con que as súas boas sensacións inclinen a boa sorte da súa parte, “atópome nun bo momento, e ademais é unha carreira na que todo o mundo pon moitas ganas e ilusión”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)