Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 septiembre, 2026
Santiago de Compostela, 24 setembro 2026. A deputada do BNG por Santiago, Saleta Chao, esixiulle ao PP na Xunta que remate co seu maltrato á cidade compostelá e que deixe de discriminala. Esixiulle a Rueda que remate coa “utilización partidista dos orzamentos na súa particular batalla contra Compostela”.
É por iso que, na súa intervención na Comisión de Economía, Chao reclamoulle ao Goberno do PP que convoque o Consello da Capitalidade antes da tramitación do proxecto de orzamentos para 2027, tal e como establece o artigo 18 da Lei 4/2002 do Estatuto de Capitalidade de Santiago de Compostela, que indica que debe reunirse cando menos unha vez ao ano para fixar os custos que lles corresponden polo seu status de capitalidade.
“Esiximos que se cumpra a lei e cumpra con Santiago, nin máis nin menos”, reclamou Chao. “Por que ten problemas o PP para esixirlle á Xunta que cumpra a lei”? preguntou despois de que o PP anunciase o seu voto en contra, como finalmente quedou confirmado.
A iniciativa do BNG reclamaba tamén que o Goberno galego valore o estudo elaborado pola USC en 2023, que fixaba os custos estimados da capitalidade en 8,6 millóns de euros e que incremente a achega da Xunta nas vindeiras contas públicas ata achegarse a eses 8 millóns de euros.
Lembrou que a propia alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladoulle en 2023 ao presidente da Xunta ese estudo da universidade e que Rueda se comprometeu daquela a convocar o Consello da Capitalidade, sen cumprilo a día de hoxe. «O que demostra unha vez máis o señor Rueda é que a súa palabra non vale nada», afirmou Chao, recriminándolle que “leva case de dúas décadas gobernando de costas a Compostela”.
Na súa intervención, Chao comparou a situación de Compostela coa doutras capitais do Estado. Lembrou por exemplo que Iruña recibe do seu goberno autonómico 6 millóns de euros anuais, Palma de Mallorca 31 millóns (con reforma legal en marcha para chegar aos 60), Vitoria-Gasteiz 12,5 millóns, Las Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife achegas conxuntas de máis de 9 millóns pola súa capitalidade compartida, ou Zaragoza, con 90,5 millóns en catro anos. “As comparacións son odiosas”, expresou.
Fronte a estas cifras, a parlamentaria compostelá explicou que Santiago recibiu en 2026 apenas 3 millóns de euros, unha contía que cualificou de «regalía» por parte do PP e que, segundo denunciou, é a mesma que se acadaba en 2007 e inferior á de 2008, 2009 e 2010.
A deputada denunciou que o PP leva «anos incumprindo» a lei ao destinar a Compostela un importe «moito menor» do que lle correspondería segundo os sucesivos estudos técnicos, dende o de 2004 (que xa estimaba os custos en 5,5 millóns de euros) ata o máis recente de 2023. Fronte a isto, lembrou que foi durante o goberno do BNG cando se incrementou a achega para «dar a Santiago un trato xusto», acadando os 3,18 millóns en 2009 e 2010.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)