Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2026.- A SD Compostela non logrou pasar do empate en casa contra o CD Basconia, segundo filial do Athletic Club. A pesar de xogar cun home máis case toda a segunda metade, a solidez defensiva do conxunto vasco evitou que os nosos se levasen o triunfo nun partido no que mereceron un maior premio.
O equipo de Carlos de Lerma chegaba a esta cita logo de encadear tres vitorias consecutivas en Liga: 0-1 contra o Coruxo; 4-1 contra o Atlético Astorga; e 1-3 contra o CD Llanera. O técnico estremeño dispuxo hoxe a nove dos once futbolistas que iniciaran a semana anterior en Asturias. As dúas únicas modificacións foron a entrada ao equipo de Jordan e Rafa de Vicente en lugar de Diego Uzal e Parapar.
En fronte estaba o CD Basconia, club que viña de empatar 2-2 fronte ao Portugalete e cuxos partidos se moven sempre en marxe mínimos no marcador.
Iniciou o choque e pronto avisaron os nosos. Ao minuto 1, Buba recolleu un rexeite dentro da área e enviouna ao fondo das mallas, pero o tanto foi anulado por posición anti regulamentaria. Aos cinco minutos, no 6, Dani González probou fortuna de lonxe coa zurda, pero a pelota marchouse fóra a media altura preto do pau esquerdo. Ao pouco tempo, no minuto 8, o Basconia respondeu cun perigoso centro ao segundo pau, pero Crespo estivo atento e complicou o alto remate do atacante do Basconia.
Chegado o minuto 10 empezouse a ver a mellor versión do Compos na primeira parte. O Basconia dominaba a posesión, pero non xeraba, e os nosos saían continuamente de forma rápida e perigosa á contra. Nese mesmo minuto, Buba aproveitou un balón longo para gañarlle a posición aos dous centrais e rematar alto coa zurda dende a esquina da área, pero o gardarredes atallou o balón sen maiores dificultades. Pouco despois, no minuto 13, o Basconia contestou cun chute raso de Uceaga que se foi lambendo o pau.
O Compos continuou xerando, e dispuxo da ocasión máis clara ao minuto 18. Os nosos executaron unha moi boa presión á saída desde atrás do Basconia e recuperaron o balón alto. Rafa de Vicente deixoulla de cabeza a Buba, este acomodoulla á súa perna dereita e disparou cruzado, pero desafortunadamente o intento do dianteiro xerundense foise rozando o pau dereito da portería. Insistía o Compos, e no minuto 22 Jordan aproveitou un gran pase longo de Edu Sousa para gañar profundidade por banda e plantarse en área rival. Probou fortuna diante da porta, pero un defensor rexeitou o remate e Dani González non puido chegar ao rexeite.
Pasado o mellor tramo do Compostela na primeira parte, os últimos 15 minutos foron do Basconia. Ao minuto 29, Hernández realizou unha moi boa acción polo sector esquerdo e cedeulle o balón a Torrico, quen executou un débil disparo coa zurda que pasou preto do poste da portería do Compos. O filial athleticzale seguiu dominando nese tramo final da primeira metade, e no minuto 39 tivo a máis clara. O seu capitán, Ellakuria, sacou un mísil co pé dereito dende moi lonxe, pero por fortuna o balón marchouse rozando o pau esquerdo da portería de Edu Sousa. Tras unha lea ao minuto 40, saldada cun cartón amarelo para a Esedé e outro para o Basconia, o encontro chegou en táboas ao tempo de lecer.
Deu comezo a segunda metade e non o puido facer de mellor xeito para os nosos. No minuto 50, Roque realizou unha acción individual maradoniana dende área propia e filtrou un gran pase en tres cuartos de campo para Edu González. O madrileño íase man a man cara a portería rival, pero León derrubouno sendo último home. Vermella e 40 minutos máis engadido por disputar, polo que o partido parecía poñerse de cara. No lanzamento desa mesma falta Buba sacou un disparo forte, mais o esférico bateu en Miguel Prado e saíu repelido.
Tras a expulsión, o Compos non dubidou en aproveitar a superioridade numérica, pois a segunda metade foi un monólogo branquiazul, tanto en tenencia da pelota como en ocasións xeradas. A primeira chegaría no minuto 65. Manu Rivas filtrou un gran pase ao oco polo sector esquerdo ao desmarque de Edu González. O madrileño rematou forte de primeiras ao primeiro pau, pero o gardameta Gallastegui comezou co seu carrusel de boas intervencións. A seguinte sería un minuto despois, tras un alto e perigoso disparo de Dani González dende a frontal que o porteiro desviou a saque de esquina.
A posesión continuaba en mans do Compos, pero o Basconia soubo retardar o ritmo do partido e frear o ímpeto compostelán durante varios minutos. As ocasións locais regresarían xa no tramo final. Ao minuto 84, Pablo Crespo puxo un balón colgado á área para Edu González, pero un defensor desviouna levemente e a pelota foise a córner tras golpear contra o poste pola zona exterior.
Con todo, a máis clara do segundo tempo chegaría no minuto 88 con dous xogadores de refresco como protagonistas.Parapar puxo un centro preciso e milimétrico ao corazón da área pequena e Álex Gil rematou en boca de gol coa sola da bota, pero desafortunadamente a pelota marchouse por riba da meta rival.
Tras este empate fronte ao Basconia, o Compostela rompe as súas xeiras de tres partidos con vitoria e catro vendo porta, alén de saír da zona de play off de ascenso. O equipo de Carlos de Lerma queda no sexto lugar da táboa con catorce puntos, a dous do quinto clasificado, o Amorebieta. Malia non obter o triunfo, os nosos deixaron moi boas sensacións, o que deberá servir de motivación para a próxima semana viaxar á Lomba e tentar conseguir os tres puntos fronte ao Arosa.
FICHA TÉCNICA
0- SD Compostela: Edu Sousa/Sousa, Jordan (Diego Uzal, min.74), Roque, Miguel Prado, Pablo Crespo, Manu Rivas, Rafa de Vicente (Teofilovic, min.83), Unai Peón (Álex Gil, min.58), Dani González (Parapar, min.74), Edu González e Buba (Antón Guisande, min.74).
0- CD Basconia: Gallastegui, Liceaga, Pablo Martínez, León, Urrestarazu (Álex Carril, min.85), Unamuno, Egoitz Hernández (Ezpeleta, min.67), Ellakuria (Narvarte, min.85), Leciñana, Oyharcabal (Testy, min.53) e Torrico (Xabi Gómez, min.67).
Árbitro: Carlos Fernández Buergo (Asturias). Amoestou concartón amarelo a dous xogadores da SD Compostela: Jordan (min.40) e Rafa de Vicente (min.80). Amoestou tamén con cartón amarelo a dous futbolistas do CD Basconia: Egoitz Hernández (min.40) e Torrico (min.45), ademais de expulsar con cartón vermello directo a León (minuto 50).
Incidencias: partido disputado no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Santiago de Compostela) correspondente á xornada 9 de Liga do Grupo 1 da Segunda Federación. Asistiron ao encontro 1.085 espectadores.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)