AD

Destacado

Flores e memoria: Santiago honra os seus defuntos no Día de Todos os Santos

today1 noviembre, 2026

Fondo
share close
AD

O cemiterio compostelán amplía este domingo o seu horario ata as 20.00 horas para facilitar as visitas nunha xornada marcada pola tradición e o recordo dos seres queridos

Cada 1 de novembro, os cemiterios convértense en lugares de encontro coa memoria familiar. A celebración de Todos os Santos mantén viva a tradición de visitar as sepulturas, renovalas con flores e dedicar un tempo ao recordo das persoas falecidas. En Santiago, o cemiterio de Boisaca prepárase para recibir numerosas visitas durante esta fin de semana.

Aínda que o Día de Defuntos se conmemora o 2 de novembro, é habitual que as familias aproveiten a festividade de Todos os Santos para achegarse aos camposantos. A limpeza das lápidas e a colocación de ramos e centros florais forman parte dun costume transmitido entre xeracións, que reúne tanto a quen participa nas celebracións relixiosas como a quen procura un momento de recollemento e lembranza.

Con motivo destas datas, o Concello realizou diversos traballos de acondicionamento en Boisaca. As actuacións incluíron o pintado das portas de acceso e das paredes da capela e dos aseos, así como unha revisión do tellado da capela.

Tamén se repasaron os pasos entre sepulturas, os muros e as beirarrúas, reparáronse elementos deteriorados e repúxose grava branca. Estas intervencións completan os labores de roza e limpeza xeral desenvolvidos a finais do verán. No apartado de xardinaría, renováronse flores e plantas no paseo central e na capela e podouse o arborado.

Horario especial e reforzo do persoal

Para facilitar as visitas, Boisaca conta cun horario ampliado do 30 de outubro ao 8 de novembro, con apertura de 9.00 a 19.00 horas. Este domingo, 1 de novembro, o recinto permanecerá aberto unha hora máis, ata as 20.00 horas.

Durante as festividades de Todos os Santos e Defuntos tamén se reforza o equipo de traballadores do cemiterio para atender a maior afluencia prevista.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *