O encontro comezou con pouco acerto por parte de ambos os conxuntos e numerosas imprecisións. O Monbus Obradoiro estreou o marcador da man de Joel Soriano, aínda que o Río Breogán respondeu desde o perímetro para poñerse por diante cando apenas transcorreran tres minutos (2-3). Co paso do tempo, ambos os equipos foron atopando mellores sensacións ofensivas, se ben ningún conseguía abrir fenda no marcador (16-14). Catro puntos consecutivos de Sergi Quintela no treito final do período permitiron aos composteláns pechar o primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe (22-20).
O segundo cuarto comezou cun Río Breogán máis acertado, aínda que a resposta defensiva do conxunto dirixido por Diego Epifanio permitiu ao Monbus Obradoiro manterse no partido (24-25). O intercambio de canastras foi a tónica dominante, con alternativas para ambos os equipos e sen un dominador claro. Os visitantes acadaron a súa primeira vantaxe significativa cun +5 (28-33), pero os obradoiristas reaccionaron con boas transicións ofensivas para recuperar o liderado (34-33). Nos últimos minutos, o conxunto lucense volveu tomar o control e ampliou a súa renda ata os sete puntos grazas a unha canastra sobre a bucina (43-50). Tras o descanso, os visitantes saíron con maior intensidade e elevaron rapidamente a súa vantaxe ata os doce puntos (43-55). Malia chegar a estar 24 puntos por debaixo, o Monbus Obradoiro non deixou de competir e, impulsado polo apoio da afección do Fontes do Sar, conseguiu reducir a diferenza ata os 13 puntos (60-73). Porén, o Río Breogán volveu ampliar a súa renda antes de finalizar o terceiro cuarto (62-82).
No último período, o Monbus Obradoiro volveu demostrar a súa vontade de loitar ata o final e conseguiu reducir a diferenza ata os 13 puntos nos primeiros minutos (71-84). Non obstante, o Río Breogán mantivo a súa eficacia ofensiva e volveu ampliar a renda, situándoa nunha distancia moi difícil de remontar (74-95). Malia os esforzos do conxunto compostelán e o alento constante da súa afección, os visitantes conservaron a súa vantaxe ata o final e leváronse o derbi galego por 90-110.
Ficha técnica
90 – Monbus Obradoiro: B. Childress* (7), E. Abogidi* (0), C. Agada (11), F. Dos Anjos (2), L. Meindl* (11), J. Soriano* (22), Y. Barrueta (11), D. Brito (0), S. Quintela (4), A. Barcello* (18), A. Faure (0), A. Galán (4).
110 – Río Breogán: E. Vicedo (0), T. Brown* (22), J. Peris* (6), F. Alonso (19), A. García (6), A. Aranitovic (0), D. Mavra (11), D. Brankovic (12), E. Quintela (0), M. Andric* (16), R. Bolton* (16), J. Kasibabu* (2).
Parciais: 22-20, 21-30, 19-32 e 28-28.
Árbitros: Emilio Pérez Pizarro, Fabio Fernández e Guillermo Ríos.
Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada da Liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 5.795 espectadores.



Comentarios de las entradas (0)