AD

Actualidad

O futuro do Abellá feminino en mans da Federación

today12 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD

Redacción, 12 de setembro de 2024.- O equipo feminino do Abellá afronta unha situación crítica tras recibir, sen previo aviso, o calendario da segunda división galega por parte da Federación. A sorpresa chegou cando o equipo foi incluído no grupo 2, composto maioritariamente por equipos de Ourense e Vigo, o que implicaría desprazamentos de ata 4000 km ao longo da tempada, moi superiores aos 1000 km que farían o resto de equipos da mesma categoría.

O Abellá, que ata agora competía no grupo 1 contra equipos próximos como a U.D. Carral, coa que compartían apenas 20 minutos de desprazamento, considera esta decisión inxusta e insostible. O equipo, formado no rural e con máis de 10 anos de traxectoria xogando contra equipos da mesma contorna, rexeita verse forzado a enfrontarse a desprazamentos de longa distancia que dificultarían a súa participación na competición.

O club xa presentou diversas reclamacións, sen éxito nin resposta. Hoxe, ás 20:00 horas, terá lugar unha reunión coa Federación onde o Abellá Feminino defenderá a súa petición de ser incluído de novo no grupo 1. O equipo advirte que, de non haber cambios, podería verse obrigado a abandonar a competición, poñendo en risco a continuidade do proxecto deportivo.

A situación subliña as inxustizas que seguen a afectar ao fútbol feminino, en particular aos equipos máis pequenos e humildes. «Por que nós? É máis importante o fútbol da capital que o noso? Somos un equipo do rural e esiximos igualdade», manifesta o club, que hoxe loitará por un cambio xusto que lles permita seguir competindo nas mesmas condicións que os demais.

«Queremos igualdade para todos!», reivindican, mentres se preparan para defender o seu dereito a competir en igualdade de condicións.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%