Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 enero, 2024
A feira do comercio local contará cun servizo gratuíto infantil para facilitar as compras ás familias. Os comercios socios de ASETEM poden inscribirse a través da asociación mentres que os non asociados terán que facelo no concello. O prazo de inscrición finaliza o martes 20 de febreiro.
O Concello de Melide anuncia que o Mercamelide de Inverno 2024, a feira do comercio local melidao que reúne os produtos dun bo número de establecementos do municipio con descontos no prezo, terá lugar os días 24 e 25 de febreiro. O período de inscricións para os comercios participantes permanecerá aberto ata o martes 20 de febreiro. No caso dos comercios asociados á ASETEM (Asociación de Empresarios da Terra de Melide) poden levar a cabo a inscrición na Asociación. O resto de comercios pode inscribirse no Departamento de Comercio do Concello de Melide, ou a través do enderezo electrónico: comercio@concellodemelide.gal.
O mercado de inverno ofrecerá a prezos moi competitivos de todo tipo de produtos do fogar, moble, menaxe, decoración, mercería, moda, calzado e lencería. Do mesmo xeito, ofrecerá produtos de beleza, perfumería, tecnoloxía, seguros, deportes ou complementos. Todos produtos de primeira calidade, proximidade e a un prezo moi económico.
Nesta edición ofertarase un servizo gratuíto de animación infantil a partir dos 4 anos de idade. Con este servizo, que se estenderá de 11h a 14h pola mañá e de 16h a 20h en horario de tarde, as familias poderán efectuar as súas compras con maior comodidade.
A edición de 2023 contou con 14 comercios de Melide e rexistrou un alto volume de vendas e de asistencia. O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, confía no éxito dunha nova edición e lembra a importancia de dotar ao comercio local dun evento de apoio coma este no tramo final do inverno.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)