Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 octubre, 2026
O Concello de Arzúa impulsa unha nova edición do Día do Comercio Local, unha xornada que encherá a vila de promocións, actividades e animación para fomentar as compras de proximidade e apoiar o comercio e a hostalaría do municipio.
O Concello de Arzúa, a través da Concellaría de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana, que dirixe Begoña Balado, prepara unha nova edición do Día do Comercio Local, que se celebrará o vindeiro martes 8 de decembro, coincidindo coa tradicional feira quincenal e en plena campaña de compras de Nadal.
A iniciativa, que alcanza este ano a súa 14ª edición, busca converter Arzúa nun punto de encontro para veciños, veciñas e visitantes, combinando a actividade comercial habitual cunha programación especial de promocións, actividades e animación nas rúas.
A coincidencia coa feira quincenal supón un atractivo engadido para esta celebración, ao tratarse dunha das citas que maior movemento de persoas xera na vila. Deste xeito, o Concello pretende aproveitar a afluencia de público para dar visibilidade aos negocios locais, incentivar as compras nos establecementos de proximidade e reforzar o papel do comercio e da hostalaría como motores da economía municipal.
A concelleira de Promoción Económica, Begoña Balado, destaca a importancia de continuar apostando por iniciativas que contribúan a fortalecer o tecido económico de Arzúa.
«Queremos que o 8 de decembro sexa unha xornada para saír á rúa, gozar da nosa vila e, sobre todo, apoiar os negocios que forman parte do noso día a día. O comercio local non só xera emprego e actividade económica, senón que tamén dá vida ás nosas rúas e contribúe a facer de Arzúa unha vila dinámica e acolledora», sinala Balado.
Promocións, actividades e ambiente festivo para todos os públicos
Durante a xornada, os establecementos participantes poderán ofrecer descontos especiais, sorteos, vales de compra, agasallos e outras iniciativas comerciais destinadas a premiar a fidelidade da clientela e atraer novos consumidores.
A programación completarase con actividades de dinamización e animación de rúa, co propósito de crear un ambiente festivo e familiar que convide a percorrer a vila, descubrir a oferta comercial e gozar dunha xornada diferente.
A hostalaría tamén terá un papel destacado nesta celebración, coa vontade de implicar bares, restaurantes e cafeterías nunha proposta conxunta que permita poñer en valor a gastronomía local e os produtos de calidade da comarca.
Para Begoña Balado, a colaboración dos diferentes sectores resulta fundamental para o éxito da convocatoria.
«Arzúa conta cun comercio próximo, variado e de calidade, cunha atención personalizada que é un dos seus grandes valores. Queremos que esta xornada sirva tamén para lembrar que cada compra que facemos nos nosos establecementos é unha aposta polo emprego, pola economía local e polo futuro da nosa vila», subliña a concelleira.
Un chamamento á participación do comercio e da hostalaría
Desde o Concello de Arzúa animan a todos os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio a sumarse a esta nova edición do Día do Comercio Local, inscribíndose ante do 10 de novembro info@turismoarzua.gal ou chamando ao 655 947 196, e achegando propostas e promocións que contribúan a facer da xornada unha celebración participativa e atractiva.
O departamento municipal de Turismo e Promoción Económica encargarase da coordinación e difusión da iniciativa, así como da elaboración de material promocional e da organización das actividades complementarias.
«O noso obxectivo é que o comercio local sexa o verdadeiro protagonista deste día. Queremos seguir construíndo unha Arzúa viva, con negocios que teñan futuro e cunha veciñanza orgullosa de mercar e consumir na súa vila», engade Begoña Balado.
Coa celebración desta nova edición, o Concello reafirma o seu compromiso coa dinamización económica e coa promoción do consumo de proximidade, aproveitando unha data especialmente sinalada no calendario comercial e festivo.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)