AD

Actualidad

O Noia Harp Fest despide a súa 11ª edición ampliando a súa proxección social

today13 agosto, 2024

Fondo
share close
AD
  • A dirección do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia salienta “o agarimo e a implicación” coa que a veciñanza acolleu o evento, e valora como “exitosa” a celebración do mesmo

Noia, 13 de agosto de 2024.- O Noia Harp Fest, o único evento do noroeste peninsular no que a arpa é a absoluta protagonista, bota o pano e deixa para a memoria das máis de 2.000 asistentes tres intensas xornadas ateigadas de músicas do mundo, das que o público puido gozar, de balde, en seis recintos emblemáticos da localidade.

A dirección do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, fai este luns, 12 de agosto, balance da 11ª edición do evento, que Rodrigo Romaní, Bea Martínez e Alba Barreiro cualifican como “exitosa”. Dela salientan a boa acollida do NHF por parte da veciñanza de Noia, mais tamén a convivencia entre público -tamén chegado do estranxeiro- e arpistas, como as figuras que conformaron o cartel deste 2024: Momi Magia, Camille Levecque, Rachel Hair e Ron Jappy, Nadia Birkenstock, Solomiia Savchuk e o trío Descofar.

Na súa 11ª edición, o Noia Harp Fest ampliou a súa proxección social grazas á unión entre artistas e asistentes; un feito posible grazas á consolidación tanto do 3º Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, con estudantes procedentes de cinco centros de diferentes localidades, como da Foliada de Benvida. “Propostas como o Encontro do alumnado de arpa favorecen que, alén de compartir unha experiencia escénica singular, aumente a interacción entre instrumentistas dun mesmo territorio e, á vez, co seu propio público”, expón Alba Barreiro, quen lembra que as nenas e nenos que participaron na inauguración do NHF tamén tiveron ocasión de coñecer a cultura marítima de Noia grazas a unha actividade náutica.

Ademais, outro dos eventos nos que se visibilizou o incremento da participación cidadá nesta 11ª edición foi a Foliada de Benvida. “Ao ser por primeira vez na rúa, deuse un fermoso intercambio entre artistas locais, arpistas do cartel e veciñanza”, afirma Barreiro. Ao fío, Bea Martínez destaca que o festival “cada ano recibe máis mensaxes de xente que vén de fóra”. “Este ano contamos con público procedente de Francia que veu pasar a semana a Noia para descubrir, alén do cartel, o noso patrimonio cultural”, sinala Martínez, quen asevera que a resposta que recibiu a organización por parte das e dos asistentes nos diferentes recintos “foi moi positiva”.

“Un ano máis, e xa van 11, Noia acolleu con moito cariño a celebración do festival, un evento no que a colaboración e implicación veciñal é clave para poder cumprir co seu obxectivo fundamental, como é achegar, desde a proximidade, o mundo da arpa á cidadanía”, sentencia Rodrigo Romaní, quen agradece o compromiso das institucións “quen fan posible que desde hai máis dunha década Noia sexa a capital da arpa”, como é o caso do Concello de Noia, da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de diferentes entidades colaboradoras.

Premio Portus Apostoli

Por outra banda, a dirección do Noia Harp Fest lembra que mantén aberta a convocatoria do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. A obra gañadora do certame recibirá 2.500€ e a súa estrea terá lugar no 2025, na seguinte edición do evento.

Portus Apostoli, certame que conta coa colaboración do Concello de Noia, é unha proposta innovadora que pretende promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. A convocatoria está aberta até o 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións.

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. As bases pódense consultar no espazo web www.noiaharpfest.gal

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%