AD

Comarca

O Outono Teatral do Pino regresa con cinco espectáculos entre outubro e novembro

today14 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

• A Casa da Cultura acollerá tres funcións para público xeral, todas ás 18.00 horas
• A programación inclúe tamén dúas propostas para o alumnado do CPI Camiño de Santiago con motivo do 25N

O Pino.24-10-2026.- O Concello do Pino presenta unha nova edición do Outono Teatral, que se desenvolverá entre o 24 de outubro e o 25 de novembro. A programación achegará á veciñanza propostas de narración oral e comedia, e contará con dúas funcións escolares para promover a reflexión sobre a igualdade e as violencias que afectan ás mulleres.

Rilo e Penadique abrirán o ciclo o sábado 24 de outubro con Asdomare, unha proposta de narración oral para público familiar que pon no centro as mulleres do mar. As historias de sereas, atadoras e mariscadoras tecen un espectáculo no que as voces femininas e a tradición oral son protagonistas. A función forma parte do Circuíto en Igualdade da Deputación da Coruña.

A seguinte cita será o domingo 1 de novembro, cando Malasombra Producións representará De algo hai que morrer! Nesta conferencia fúnebre, cómica e teatral, os peculiares profesores Jeckill e Hyde comparten as súas investigacións sobre a morte. A través do humor e da dramatización, abordan cuestións como a inmortalidade ou a vida despois da morte e convidan o público a mirar este asunto desde outra perspectiva.

O domingo 15 de novembro, Talía Teatro levará á escena Bicos con lingua. A montaxe emprega a comedia e as situacións cotiás para reflexionar sobre os usos e abusos da lingua galega. Desde o amor polo idioma, propón unha experiencia de redescubrimento da súa riqueza e unha mirada sobre o lugar que ocupa no día a día.

As tres representacións celebraranse na Casa da Cultura Luis Seoane, en Arca, ás 18.00 horas.
Teatro para escolares arredor do 25N

O Outono Teatral inclúe dúas funcións no CPI Camiño de Santiago, vinculadas á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

O venres 20 de novembro, ás 13.00 horas, Pablísimo presentará Príncipas e princesos ao alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria. Con princesas que se enfrontan a dragóns e príncipes que lavan a roupa e pasan o ferro, estes contos cuestionan os roles tradicionais e achegan unha reflexión sobre a igualdade.

Pola súa parte, Bengala Teatro Físico representará Alicia Wants To o mércores 25 de novembro, ás 13.00 horas, para o alumnado da ESO. A obra conta a historia dunha adolescente que sae dun centro de menores e se reencontra coa súa nai nun contexto marcado pola exclusión social e os abusos. A través dunha partida de xadrez, o público participará na historia votando algunhas das decisións que debe tomar Alicia.

O Outono Teatral está organizado polo Concello do Pino e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural e do Circuíto en Igualdade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *