Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 noviembre, 2024
Ames, 11 de novembro de 2024.- O Concello de Ames, o Bertamiráns FC e SOGAPS volveron colaborar para recadar fondos para os campamentos de refuxiados saharauís. Foi a través do partido que disputaron este domingo, 10 de novembro, o Bertamiráns FC e mailo Bastavales UD no campo municipal de Bertamiráns. Recadáronse 1.600 euros que foron doados a SOGAPS para sufragar o programa Vacacións en Paz. Os fondos servirán para tratar de paliar os efectos das graves inundacións nos campamentos de refuxiados saharauís.
O partido de fútbol que se disputou este domingo, 10 de novembro, ás 17:00 horas, no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e mailo Bastavales UD tivo un claro compoñente solidario: os fondos que se conseguiron foron doados para apoiar a campaña solidaria de emerxencia impulsada por SOGAPS con motivo da crise humanitaria provocada polas intensas choivas, que derrubaron numerosas infraestruturas, tanto de vivendas particulares como de asistencia á comunidade, e provocaron a evacuación de máis de 600 familias. Ademais, tamén foron destruídos centros educativos e médicos, polo que practicamente todo o material quedou inutilizable.
Neste contexto, a Media Lúa Vermella Saharauí e o Ministerio de Cooperación da RASD solicitou axuda urxente para proporcionar toda a asistencia humanitaria posible para cubrir as necesidades máis urxentes: rehabilitación de infraestruturas, distribución de víveres básicos e produtos de primeira necesidade, subministración de medicamentos e saneamento dos espazos.
1.600 euros recadados
En total, recadáronse 1.600 euros, dos cales 1.145 euros corresponderon á venda de entradas e 455 euros pola venda de rifas. Asistiron ao partido 229 persoas que pagaron pola entrada 5 euros. As rifas vendidas foron para o sorteo de varios produtos: dúas cestas de froita cedidas por Xuntanza de Empresarios de Ames, unha cea para 4 persoas na Parrillada Milongas, unha planta de Agroxardín, varias mochilas de Atmósfera Sport Santiago, e un balón de fútbol da Champions League, de Goalkers Bertamiráns.
Dende a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí agradecen a colaboración das empresas Atmósfera Sport Santiago, Xuntanza de Empresarios de Ames, Goalkers Bertamiráns, Agroxardín e Parrillada Milongas.
Ademais, o domingo durante todo o día estivo instalado na área deportiva de Bertamiráns un stand solidario para dar información sobre o programa de acollemento Vacacións en Paz e a asociación SOGAPS.
Iniciativa solidaria
A representante na comarca de SOGAPS, Esther Ybarra, agradeceu “ao Concello de Ames e ao Bertamiráns FC a colaboración para poder realizar esta iniciativa marabillosa que tivo un gran éxito. Sabemos as dificultades polas que pasan os clubs, e non é doado ceder unha taquilla enteira dun partido importante como foi a deste domingo. Por iso desde SOGAPS estamos enormemente agradecidos de que colaborasen con esta achega solidaria con nós”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “dende o Concello mantemos unha estreira relación con SOGAPS e neste caso colaboramos nesta iniciativa porque todo o recadado está destinado a poder seguir ofrecendo axuda nos campamentos saharauís. Con estas pequenas iniciativas o que queremos desde aquí é mostrar que Ames é un concello solidario, que sempre colabora cando é máis necesario. Tamén quero agradecer a colaboración dos clubs deportivos do concello, neste caso a prestada polo Bertamiráns FC e polo seu presidente, Rafael Budiño”.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, sinalou que “a de SOGAPS é unha causa solidaria coa que levamos moito tempo traballando no Concello a través de distintas iniciativas, e nesta ocasión non podía ser menos. Aquí seguiremos para seguir colaborando no que sexa posible”.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)