AD

Comarca

O partido solidario entre Bertamiráns e Bastavales recada 1.600 € en favor de SOGAPS

today11 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • A representante na comarca de SOGAPS, Esther Ybarra, agradeceu “ao Concello de Ames e ao Bertamiráns FC a colaboración para poder realizar esta iniciativa marabillosa que tivo un gran éxito. Sabemos as dificultades polas que pasan os clubs, e non é doado ceder unha taquilla enteira dun partido importante como foi a deste domingo”.
  • A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “dende o Concello mantemos unha estreira relación con SOGAPS e neste caso colaboramos nesta iniciativa porque todo o recadado está destinado a poder seguir ofrecendo axuda nos campamentos saharauís. Con estas pequenas iniciativas o que queremos desde aquí é mostrar que Ames é un concello solidario, que sempre colabora cando é máis necesario”
  • A concelleira de Benestar Social, Uxía García, sinalou que “a de SOGAPS é unha causa solidaria coa que levamos moito tempo traballando no Concello a través de distintas iniciativas, e nesta ocasión non podía ser menos. Aquí seguiremos para seguir colaborando no que sexa posible”

Ames, 11 de novembro de 2024.- O Concello de Ames, o Bertamiráns FC e SOGAPS volveron colaborar para recadar fondos para os campamentos de refuxiados saharauís. Foi a través do partido que disputaron este domingo, 10 de novembro, o Bertamiráns FC e mailo Bastavales UD no campo municipal de Bertamiráns. Recadáronse 1.600 euros que foron doados a SOGAPS para sufragar o programa Vacacións en Paz. Os fondos servirán para tratar de paliar os efectos das graves inundacións nos campamentos de refuxiados saharauís.

O partido de fútbol que se disputou este domingo, 10 de novembro, ás 17:00 horas, no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e mailo Bastavales UD tivo un claro compoñente solidario: os fondos que se conseguiron foron doados para apoiar a campaña solidaria de emerxencia impulsada por SOGAPS con motivo da crise humanitaria provocada polas intensas choivas, que derrubaron numerosas infraestruturas, tanto de vivendas particulares como de asistencia á comunidade, e provocaron a evacuación de máis de 600 familias. Ademais, tamén foron destruídos centros educativos e médicos, polo que practicamente todo o material quedou inutilizable.

Neste contexto, a Media Lúa Vermella Saharauí e o Ministerio de Cooperación da RASD solicitou axuda urxente para proporcionar toda a asistencia humanitaria posible para cubrir as necesidades máis urxentes: rehabilitación de infraestruturas, distribución de víveres básicos e produtos de primeira necesidade, subministración de medicamentos e saneamento dos espazos.

1.600 euros recadados

En total, recadáronse 1.600 euros, dos cales 1.145 euros corresponderon á venda de entradas e 455 euros pola venda de rifas. Asistiron ao partido 229 persoas que pagaron pola entrada 5 euros. As rifas vendidas foron para o sorteo de varios produtos: dúas cestas de froita cedidas por Xuntanza de Empresarios de Ames, unha cea para 4 persoas na Parrillada Milongas, unha planta de Agroxardín, varias mochilas de Atmósfera Sport Santiago, e un balón de fútbol da Champions League, de Goalkers Bertamiráns.

Dende a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí agradecen a colaboración das empresas Atmósfera Sport Santiago, Xuntanza de Empresarios de Ames, Goalkers Bertamiráns, Agroxardín e Parrillada Milongas.

Ademais, o domingo durante todo o día estivo instalado na área deportiva de Bertamiráns un stand solidario para dar información sobre o programa de acollemento Vacacións en Paz e a asociación SOGAPS.

Iniciativa solidaria

A representante na comarca de SOGAPS, Esther Ybarra, agradeceu “ao Concello de Ames e ao Bertamiráns FC a colaboración para poder realizar esta iniciativa marabillosa que tivo un gran éxito. Sabemos as dificultades polas que pasan os clubs, e non é doado ceder unha taquilla enteira dun partido importante como foi a deste domingo. Por iso desde SOGAPS estamos enormemente agradecidos de que colaborasen con esta achega solidaria con nós”.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “dende o Concello mantemos unha estreira relación con SOGAPS e neste caso colaboramos nesta iniciativa porque todo o recadado está destinado a poder seguir ofrecendo axuda nos campamentos saharauís. Con estas pequenas iniciativas o que queremos desde aquí é mostrar que Ames é un concello solidario, que sempre colabora cando é máis necesario. Tamén quero agradecer a colaboración dos clubs deportivos do concello, neste caso a prestada polo Bertamiráns FC e polo seu presidente, Rafael Budiño”.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, sinalou que “a de SOGAPS é unha causa solidaria coa que levamos moito tempo traballando no Concello a través de distintas iniciativas, e nesta ocasión non podía ser menos. Aquí seguiremos para seguir colaborando no que sexa posible”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *