Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 diciembre, 2023
O Pino. 1-12-2023.- O Concello do Pino contará o vindeiro ano cun presuposto de 4,94 millóns de euros, dos que destinará unha quinta parte a investimentos reais (1,04 millóns) e un terzo para pagar os servizos que se ofrecen a veciñanza (2,86 millóns). O alcalde, Manuel Taboada, destaca o incremento das partidas destinadas a actividades culturais, programas de conciliación e servizos sociais. No pleno extraordinario celebrado esta mañá, os orzamentos foron aprobados cos votos a favor do PP (6), a abstención do BNG (2) e o voto en contra do PSdeG (2).
Manuel Taboada presentou unhas “contas realistas coas que queremos atender as demandas da veciñanza” tanto na realización de obras como de servizos. Neste senso resaltou que se duplicaba o importe da partida destinada a concellaría de Cultura e tamén se incrementaba considerablemente o gastos en programas de conciliación e servizos sociais.
Taboada Vigo dixo que o orzamento baixada un 1,25% respecto ao deste ano porque non incluía a aportación que debe facer o concello para construír o centro de día, que está previsto que a Consellería de Política Social licite o vindeiro ano. “Esta aportación figura no remanente de tesourería do Concello, porque estaba incluída no presuposto de 2023”. Ademais dos investimentos reais (1,04 millóns) e os gastos en bens correntes e servizos (2,86 millóns), a partida de gastos de persoal redúcese ata 769.000 euros e resérvanse 203.570 para transferencias correntes.
Respecto ao capítulo de ingresos, a maior contía procede das transferencias correntes doutras administracións (2,4 millóns de euros) e de impostos directos e indirectos (1,53 millóns). As taxas e prezos públicos increméntanse ata 573.000 euros, en gran medida debido a maior recadación por licenzas de obra e polo canon enerxético. As transferencias de capital representan 432.000 euros.
No debate, dende o BNG José Luis Brocos preguntou se a partida de 300.000 euros para parques e xardíns se ía executar este ano. O alcalde respondeu que estaba prevista para poder construír en Arca unha praza pública que poida cumprir as funcións de campo de festas. A compra desta parcela estase retrasando “porque os propietarios están a pedir un prezo desorbitado e temos que estudar a mellor opción para facer realidade este proxecto”, dixo.
Dende o PSdeG, Óscar Villar criticou uns orzamentos que cualificou de “continuistas, que non buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza ni fomentar o emprego ou aumentar servizos”. O voceiro socialista volveu reclamar o listado de obras que está previsto executar este ano.
Manuel Taboada replicoulle que o Concello do Pino “licitou en 2023 máis obras que o Concello de Santiago” e lembrou o incremento de partidas en cultura, conciliación ou servizos sociais. “Nós intentamos acertar coas demandas da veciñanza”, concluíu.
As contas foron aprobadas cos votos a favor do grupo de goberno popular votou a favor, a abstención do BNG e o voto en contra do grupo socialista.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)