Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Pino. 27-11-2023.- A atleta Carmen Pérez (Club Atletismo O Pino), o nadador Agustín Orechia (CN Ciudad de Santiago), o karateca Xoel Suárez (Avalon Kai) e o triatleta Xoel Blanco (Triatlon Inforhouse Santiago) recibiron na mañá de hoxe, 27 de novembro, as distincións aos deportistas máis destacados do Concello de O Pino no 2023.
Trátase da primeira edición destes galardóns cos que o goberno local quere subliñar o bo facer da mocidade empadroada no municipio, o seu esforzo e os seus logros, ao tempo que reitera o seu compromiso co deporte e coas necesidades do deportistas no seu día a día.
Así o destaca o concelleiro de Deporte e Xuventude, Borja Castro, quen subliña o mérito destes rapaces e rapazas que participaron neste ano en competicións de carácter nacional, en moitos casos con actuacións moi destacadas, e insiste na mensaxe de colaboración e apoio máximo por parte do Concello para axudarlles á hora de alcanzar as súas metas.
O alcalde Manuel Taboada presidiu o acto de entrega dos premios que se levou a cabo no salón de plenos e, ademais de aplaudir os éxitos dos galardoados, agradeceulles o seu papel de embaixadores do Pino por toda España. “Para o goberno local e para a veciñanza é un orgullo que levedes o nome do Concello alá onde competides. Sodes moi novos, tedes un gran futuro por diante e as vosas metas poden ser moi altas. Este pequeno recoñecemento é para recordarvos que estamos ao voso carón e que podedes contar coa nosa axuda”, afirmou o rexedor. “Parabéns por todo o que estades a facer”, rematou a súa intervención.
Iván Sanmartín, técnico de Deportes no concello, aplaudiu publicamente tamén os seus logros e animou a Carmen Pérez, a Agustín Orechia, a Xoel Suárez e a Xoel Blanco “a seguir traballando e non baixar a garda”.
O acto rematou coa entrega dunha placa e dun ramo de flores para todos os premiados que recibiron o aplauso dos seus familiares e amigos.
Carmen Pérez, do CA O Pino, destaca na modalidade de salto de altura cun segundo posto no Campionato de España Sub 16 por equipos ademais dun cuarto posto no Campionato Galego. Agustin Orechia, pola súa banda, colgouse a medalla de ouro no Campionato Galego júnior de natación nas probas de 100 metros espalda e bolboreta e, entre outros logros, foi tamén cuarto no Open Absoluto de verán celebrado en Málaga na categoría júnior tanto nos 100 como nos 200 metros espalda.
O karateca Xoel Suárez é campión de España de Kata Individual Masculino Cadete Renbu- Kai e foi terceiro na Copa de España de Estilos Internacional. Ademais, Xoel Blanco participou nos Campionato de España de duatlón e triatlón así como nas Voltas ciclistas júnior a Salamanca, León, Portugal e Guijuelo e foi segundo na Carreira Ciclista da Ascensión e primeiro nos Duatlón cross de Baio e de Ordes.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)