Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 septiembre, 2026
As Escolas de Baile e Música Tradicional do Concello de Brión e a estrea da canción “Santa Minia de Brión” por Ruth Cundíns reuniron a centos de persoas
Diego Calvo e Pedro Blanco asistirán mañá domingo ás 13:00 horas a celebración do Día Grande desta Romaría
26 de setembro de 2026.- Gran afluencia de visitantes nas primeiras horas dunha nova edición da Romaría de Santa Minia, a primeira tras a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia. O tempo acompaña e son moitas as persoas que se achegaron pola contorna do santuario tanto na tarde do venres como durante as primeiras horas de hoxe sábado para asistiren ás celebracións relixiosas, degustar o polbo e o churrasco nas cinco polbeiras instaladas e desfrutar da intensa programación cultural preparada polo Concello de Brión para estes tres días de festa.
Unha celebración que arrincaba na tarde de onte venres coa primeira das tres sesións do X Festival Monecadas, que da man de Trécola Teatro de Marionetas encheu o auditorio do centro social polivalente. Hoxe sábado, ás 17:30 horas, será a quenda dos portugueses Compañía Heliodora, co espectáculo “Barbacena”; e mañá domingo pechará o festival Fantoches Baj, coa peza “Novos lobos”. A entrada é libre e de balde.
Un ano máis, as Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión volveron encher a praza do Concello cunha selección de pezas nas que tomaron parte os distintos grupos que compoñen esta entidade. Media hora despois, a artista local Ruth Cundíns tomaba o relevo cun concerto dende o recentemente restaurado Palco da Música da Carballeira de Santa Minia. Unha actuación moi especial, xa que a artista aproveitou para interpretar por primeira vez ante o público o tema “Santa Minia de Brión”, que horas máis tarde presentou no “Luar” da TVG. As orquestras Finisterre e Olympus, canda o DJ El Capitán Sabrosura, encheron o espazo habilitado para os concertos, mentres moitos dos visitantes aproveitaron para cear nunha das cinco polbeiras instaladas a poucos metros.
Porque comer o polbo en Santa Minia é igual de tradición ca visitar o sepulcro da Santa. Este ano, os prezos das racións de polbo e de churrasco mantéñense nos 15 euros. Se ben o polbo é o produto estrela, non faltan outros complementos como os pementos, os callos, os criollos e mesmo o arroz, a distintos prezos cada un deles. E para os que non son de polbeiras, na contorna da carballeira hai instaladas varias food-truck con todo tipo de propostas.
Postos de venda
Entre as últimas horas de onte venres e ao longo da mañá comezaron a instalarse os máis de 150 postos e casetas de venda autorizados, que durante o domingo ocuparán toda a estrada de acceso ao santuario. Dende a organización confirman a presenza de máis de 150 postos de rosquillas, lambonadas, embutidos, churros, xeados… (os máis temperáns) aos que mañá uniranse os de artesanía, velas, imaxes relixiosas, ferramentas, artigos de segunda man…
A música correu a cargo da charanga Os Celtas e do grupo de gaitas Devagarinho, mentes a orquestra Suavecito encargouse da sesión vermú e volverá actuar pola noite canda o grupo La Banda de Ayer. Á media noite terá lugar no lateral da capela de Santa Minia un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio.
Día de Santa Minia
E o domingo 27, todos estarán cun ollo mirando ao ceo, diante dun posible cambio do tempo. O Día Grande amencerá cun pasarrúas e concerto do grupo de gaitas “O Pichel”, seguido dun pasarrúas coa Charanga Os Celtas que dará paso á sesión vermú coa Orquestra Miramar. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na honra a Santa Minia e a recepción de autoridades na entrada da Carballeira. A día de hoxe está confirmada a asistencia de:
– Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia
– Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
– Obdulia Taboadela, subdelegada do Goberno na Coruña
– Marcos Gómez, comisario para o Ano Santo Xacobeo 2027
– Blas García, alcalde de Ames; Ángel Leis, alcalde de Negreira; Xabier Castro, alcalde de Dodro; Luís Oujo, alcalde de Porto do Son
– Antonio Leira Piñeiro, deputado provincial de Deportes
– José Antonio Grandas, subdirector xeral de Planificación e Protección Civil
Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional “Tíralle do aire” e concerto da Banda de Música Municipal de Brión, ás 18:00 horas na praza do Concello. Ás 20:00 horas, a gran actuación desta edición: Luar na Lubre co seu espectáculo “Lubre 40 aniversario”, un concerto de 120 minutos co que un dos grupos de folk con maior repercusión en Europa e Latinoamérica está a celebrar o seu corenta aniversario. Ás 22:00 horas, a Orquestra Miramar pechará a edición de 2026 da Romaría de Santa Minia.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)