Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 septiembre, 2024
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, despois dunha visita á zona co tamén edil popular, Adrián Villa, critica a decisión do BNG de instalar un parque infantil debaixo dun viaduto da SC-20 ao seu paso polo barrio de Pontepedriña, “un lugar húmido, frío e escuro, que non só non parece o sitio idóneo para que os cativos xoguen, senón que, incluso, resulta perigoso”.
“Os nacionalistas, explica De la Fuente, decidiron que, na urbanización da contorna entre Romero Donallo e rúa escultor Camilo Otero, se constrúa unha instalación para nenos e nenas debaixo mesmo da estrada SC-20, un lugar que, con independencia de que sexa legalmente posible instalar nese lugar un parque infantil, do que existen serias dúbidas, o que esta claro é que non parece o entorno idóneo como lugar de esparcimento da cativada, posto que é unha zona onde poden caer cousas da propia autovía”.
Por isto, aclarou, “reclamámoslle ao BNG que desbote a idea de instalar nesa ubicación e busque un lugar axeitado, para que os nenos poidan desfrutar da instalación sen poñer en perigo a súa integridade”.
O popular insistiu en que “parece claro que o lugar elixido polo BNG está xusto debaixo dunha zona de elevada contaminación atmosférica e acústica, atópase no peor lugar posible, debaixo dunha vía de alta capacidade, sen a distancia suficiente e sen a posibilidade de acoutar o espazo para protexer aos nenos”.
“É difícil comprender en que estaban pensando os nacionalistas cando tomaron a decisión de permitir a instalación dun parque infantil nese lugar inhóspito e chama a atención que promova a instalación dunha infraestrutura para a rapazada, nun lugar que non considera apropiado para cans”, subliñou.
De la Fuente remarcou que tampouco se entende o interese en instalar, na esquina entre Escultor Camilo Otero de Escultor Jesús Landeira, un espazo para cans, dado que no parque Euxenio Granel, a escasos 100 metros dese mesmo lugar, existe xa un parque para ese fin, con dimensións suficientes, “coa falta de parques para cans que hai na cidade, non ten sentido instalar un novo a escaso metros dun xa existente”, aclarou.
O popular aclarou que “quixeron copiar a idea do programa electoral do Partido Popular de instalar parques infantís cubertos, pero nin copiar saben e, agora, se sacan do sombreiro un auténtico esperpento. Está claro que a cidade necesita parques infantís cubertos que poidan ser utilizados nos días de peor climatoloxía, pero instalacións cubertas de verdade, non esta idea chapuceira que non vai ser utilizado por ninguén”.
De la Fuente explicou que moitos pais xa anunciaron que nin se lles pasa pola cabeza permitir que os seus fillos usen os baixos dunha autovía para xogar, “é certo que na zona non hai parques infantís suficientes onde levar aos nenos, pero desde logo alí é imposible”.
Hai que lembrar que, segundo o Decreto 245/2003, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, estas instalacións deben estar situadas en áreas onde os posibles riscos para os usuarios sexan mínimos, evitando a elevada contaminación atmosférica e acústica, a proximidade de tendidos eléctricos aéreos e/ou subterráneos, e as superficies deberán estar debidamente acoutadas dun xeito seguro e separadas do tráfico rodado, ben mediante un distanciamento mínimo de 30 metros ou ben a través da súa separación por medios naturais ou artificiais que protexan os menores do perigo derivado do seu acceso inmediato á calzada.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)