Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 septiembre, 2026
A actual organización fai un chamamento á veciñanza para evitar que o barrio quede este ano sen as súas tradicionais celebracións
O barrio de Sar podería quedar este ano sen as súas tradicionais festas ante a falta de persoas dispostas a asumir a organización. Tras a reunión celebrada para constituír a próxima Comisión de Festas, ningún particular nin grupo se presentou para coller o relevo do equipo actual.
A comisión que vén organizando as celebracións nos últimos anos anunciou que chegou o momento de dar un paso ao lado. Moitas das persoas que a integran repetiron durante varias edicións e consideran necesario que novos veciños e veciñas se incorporen para garantir a continuidade das festas.
Desde a organización destacan a satisfacción polo traballo realizado durante estes anos e por ter contribuído a manter vivas as tradicións do barrio. Con todo, advirten de que, se non se forma unha nova comisión, non haberá quen se encargue de preparar as celebracións deste ano.
A actual Comisión de Festas lembra que as festas de Sar representan moito máis ca varios días de actividades e celebracións, xa que forman parte da historia, das tradicións e da vida social do barrio.
Por este motivo, lanzan un chamamento á participación veciñal e animan a calquera persoa interesada, tanto de maneira individual como formando un grupo, a poñerse en contacto a través das redes sociais ou con calquera membro da actual comisión.
«Agora máis ca nunca, Sar necesita da súa xente», sinalan desde a organización, que confía en que aparezan novos voluntarios que permitan manter unha das citas tradicionais do barrio e garantir que as festas de Sar poidan continuar.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)