Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 abril, 2026
A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de propoñerlle ao goberno de BNG e CA que “inicie os trámites para que a capital de Galicia obteña o Selo de Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia, co fin de reforzar os intereses e dereitos da infancia, ao tempo que será un reflexo da vontade e compromiso coa promoción, difusión e aplicación da Convención sobre os dereitos do neno na nosa cidade”.
“Por todo isto, -explicou Otero- o goberno nacionalista, no ámbito das súas competencias, debe reflectir unha xestión que garanta os dereitos e benestar da poboación máis moza de Compostela”.
Otero lembrou que “o eido municipal xoga un papel fundamental na vida da rapazada, porque é a súa contorna máis próxima, onde viven, rin, choran, xogan, se desenvolven, e na que poden gozar dos seus dereitos, polo que, neste contexto, hai unha responsabilidade política local que debe traducirse en accións concretas”.
A edil popular subliñou que “o Santiago do presente ten unha infancia e adolescencia activa, polo que a cidade do futuro precisa dunha xuventude preparada, polo que deben ser un sector da poboación obxecto de especial atención e protección para garantir o seu axeitado desenvolvemento ata chegar a vida adulta”.
Así, Otero explicou que “UNICEF reflicte que o benestar da infancia e adolescencia empeorou tras a pandemia da covid-19 e, en España, as taxas de pobreza infantil seguen a ser unhas das máis elevadas de Europa”.
A través do Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia, UNICEF Comité Español, destaca aos gobernos locais que amosan o seu compromiso cuns obxectivos marco fixados, que seguen un modelo de xestión dende a óptica dos dereitos das nenas e nenos, que conten con mecanismos reais de participación infantil e adolescente e que conten cunha estratexia a longo prazo para situar á infancia e adolescencia no epicentro das políticas e accións impulsadas dende os gobernos locais.
A Rede de Cidades Amigas da Infancia, posta en marcha en España no ano 2001, esténdese a máis de 300 concellos do territorio español, abarcando case a metade da poboación infantil do país.
Ser Cidade Amiga da Infancia implica o compromiso dos gobernos locais e os seus socios para lograr cinco obxectivos marco: cada neno e nena é valorado, respectado e tratado xustamente dentro das súas comunidades; as voces, necesidades e prioridades de cada neno e nena escóitanse e considéranse nas normativas e políticas públicas, nos orzamentos e en todas as decisións que lles afectan; todos os nenos e nenas teñen acceso a servizos esenciais de calidade; todos os nenos e nenas viven en contornas seguras e limpas; e todos os nenos e nenas teñen a oportunidade de gozar da vida familiar, o xogo e o ocio.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)