Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Antonio Jesús Hernández Carmona explicó a Anxo Arca y Luis Miguel Carmona la partitura de la obra sinfónica para banda 'Macías O Namorado', que compuso él
Padrón. 26-9-2026.- Arjonilla agasallou a Padrón co poema sinfónico Macías o Namorado, unha obra para banda composta polo músico arjonilleiro Antonio Hernández Carmona que percorre a lenda e o legado do trobador. O cuarto movemento da peza estreouse na inauguración das XXII Xornadas Medievais do Trobador Macías, celebrada coa presenza dos alcaldes de Arjonilla, Luis Miguel Carmona, e de Padrón, Anxo Arca.
A composición naceu como un agasallo institucional de Arjonilla a Padrón e incorpora sons característicos dos dous municipios. A intención é que as bandas de ambas localidades poidan incorporala aos seus repertorios e que se converta nun novo símbolo do irmandamento entre Galicia e Andalucía.
“Trátase dunha peza para que as bandas de Arjonilla e de Padrón poidan incorporala aos seus repertorios e seguir fortalecendo os lazos que unen ambos municipios”, explicou Luis Miguel Carmona.
O compositor sinalou que “esta obra pretende ser unha ponte entre Galicia e Andalucía, entre a terra onde naceu Macías e a terra onde atopou o seu destino”. “Agardo que, a partir de agora, pase a formar parte da historia cultural de Padrón e de Arjonilla e que dentro de moitos anos poida seguir soando nos nosos pobos”, afirmou Antonio Hernández Carmona.
Anxo Arca agradeceu o agasallo e destacou o valor de combinar a cultura de Padrón e Arjonilla nunhas xornadas cun marcado carácter formativo e educativo. O alcalde padronés insistiu tamén na necesidade de seguir tendendo pontes entre os dous municipios: “Nun momento no que predomina o enfrontamento e a polarización, Padrón e Arjonilla, como facemos con Rianxo ou Santiago, somos dous pobos capaces de destacar e resaltar o que nos une para buscar obxectivos comúns que redunden en beneficio da nosa cidadanía”.
A estrea pechou un acto inaugural centrado na unión das culturas galega e andaluza. Unha representación musicada combinou versos de Rosalía de Castro e de Antonio de Jaén, poeta de Arjonilla de quen se acaba de conmemorar o centenario do nacemento, e lembrou tamén a vida de Macías o Namorado. A cantante María López Segade participou na interpretación do cuarto movemento do poema sinfónico.
A delegación padronesa, encabezada por Anxo Arca, visitou Arjonilla con motivo das XXII Xornadas Medievais do Trobador Macías e do primeiro aniversario do irmandamento entre os dous concellos. Macías, poeta medieval nado en Padrón, morreu na localidade xienense, e a súa figura constitúe o principal vínculo histórico e cultural entre ambos pobos.
A comitiva foi recibida polo alcalde e pola Corporación municipal de Arjonilla no salón de plenos. Durante o encontro institucional, Anxo Arca e Luis Miguel Carmona reafirmaron o compromiso de procurar novas vías de colaboración e desenvolver proxectos conxuntos.
A continuación, os dous alcaldes realizaron unha ofrenda floral ante a estatua de Macías o Namorado no castelo de Arjonilla, lugar no que morreu o trobador. Nese acto, o poeta arjonilleiro Antonio Cortés Montero entregoulles aos rexedores un poema escrito para a ocasión. Un grupo de gaiteiros interpretou o himno galego e María López Segade cantou o himno de Arjonilla.
Pola tarde, os alcaldes e os concelleiros participaron na rolda trobadoresca e no desfile polas rúas da vila, antes da inauguración oficial das xornadas medievais.
Durante a xornada do sábado, Anxo Arca inaugurou tamén La Posada el Trovador, un novo establecemento hoteleiro de Arjonilla.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)