Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 septiembre, 2024
12 de setembro de 2024. O Partido Popular de Galicia destaca que a nosa Comunidade “foi pioneira” á hora de tomar medidas para garantir unha asistencia sanitaria de calidade durante o verán a pesar da “parálise” do Goberno central e do “alarmismo hipócrita” dos partidos da oposición.
En declaracións aos medios nas inmediacións do centro de saúde de Fontiñas, en Santiago de Compostela, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, puxo en valor “a sorte que temos de contar en Galicia cunha sanidade pública de calidade” e agradeceu aos profesionais sanitarios –especialmente aos máis de 48.000 que estiveron traballando durante os meses estivais– a súa contribución á “excelencia” do sistema.
Na súa opinión, son eles e elas “os que fan da nosa sanidade pública unha das mellores do mundo” e, precisamente con eles e elas, “a nosa sanidade seguirá funcionando pola mañá, pola tarde, pola noite, en verán e en inverno”.
“Fronte ás dificultades, Galicia foi pioneira e apostou por medidas arriscadas para reforzar o persoal, ao tempo que seguiu investindo en infraestruturas e tecnoloxía”, afirmou destacando o plan de 12,5 millóns de euros que o Goberno galego puxo en marcha para garantir a asistencia sanitaria de calidade e que a nosa sanidade contara en verán con 1.500 profesionais máis que o ano pasado.
Un reforzo que, tal e como explicou, “permitiu non só manter a actividade habitual no período estival, senón incrementala respecto doutros anos”. De feito, Galicia realizou 1.400 cirurxías programadas máis e o 061 atendeu 5.000 chamadas máis.
“Ante ao alarmismo do BNG e do PSOE, e aínda que lles pese, Galicia segue funcionando”, remarcou Prado criticando a unha oposición “líder da hipocrisía” que “só sabe alarmar e ao final acábase dando de fronte coa realidade”.
Unha oposición, ademais, á que reprochou que “sexan incapaces de apoiar calquera medida da Xunta, nin en Galicia nin en Madrid, pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta e saen á rúa a manifestarse”.
“Galicia ten que ser un modelo para o Goberno central, xa que van 6 ministros desde que chegou Sánchez e ningún foi quen de tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias”, concluíu reclamando á ministra de Sanidade que “se poña a traballar na parte que lle toca”.
O PLAN DE COBERTURA DO VERÁN DEMOSTROU A SÚA EFECTIVIDADE
O centro de saúde de Fontiñas foi para os populares galegos “un bo exemplo de que todo funcionou con normalidade” este verán e de que o plan de cobertura do verán deseñado polo Goberno galego demostrou a súa efectividade. De feito, o centro contou este verán co apoio dun médico residente de cuarto curso que traballou como médico de familia.
Este apoio, xunto aos reforzos realizados polos profesionais do centro prolongando xornadas e facendo gardas, permitiu que nos meses de verán se mellorase a cobertura asistencial respecto a anos anteriores.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)