AD

Actualidad

O PSdeG alerta dun novo colapso sanitario en Santiago ao centralizar a atención dos sábados no PAC

today24 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Aitor Bouza acusa ao Goberno de Rueda de agravar a saturación asistencial coa supresión da atención sanitaria dos sábados nos centros de saúde.
  • Os socialistas levarán ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar máis persoal, mellor planificación e unha atención digna para a veciñanza de Santiago e a súa comarca.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou un “novo colapso” na sanidade pública compostelá tras a decisión da Xunta de Galicia de suprimir a atención nos centros de saúde os sábados pola mañá e centralizala no PAC de Santiago.

Bouza advertiu de que esta medida chega “despois de todos estes colapsos”, lembrando que nos últimos meses xa se produciron episodios de saturación en urxencias, na atención primaria e nas listas de agarda. “Hoxe temos que lamentar un novo colapso, un cuarto colapso dentro da sanidade pública”, sinalou, en referencia á situación vivida tras a modificación da atención nos centros de saúde en fin de semana.

O dirixente socialista fixo fincapé en que esta reorganización “o único que demostra é que faltan profesionais para poder atender as persoas”, e criticou que se estea a afastar a atención sanitaria da veciñanza, especialmente das persoas que residen en concellos da contorna como O Pino, Teo, Touro, Oroso, Val do Dubra, Boqueixón ou Vedra.

“Afástase o punto de atención a esas persoas”, advertiu Bouza, quen puxo como exemplo a situación vivida no primeiro día de aplicación da medida, con “ata 60 pacientes en espera” nunha mañá.

Neste contexto, o PSdeG anunciou que levará esta situación ao Parlamento de Galicia para esixir “unha rectificación inmediata”. “Imos esixir ao señor Rueda que non someta aos veciños e ás veciñas de Santiago e da súa comarca a esta tensión permanente”, afirmou.

Os socialistas reclamarán, ademais, que se dote de “máis persoal” ao sistema sanitario “para poder atender a todas as persoas que realmente teñan unha doenza e que podamos ter unha sanidade pública con condicións dignas”, subliñou.

Bouza foi tamén moi crítico coa xestión da área sanitaria de Santiago, que cualificou de “absolutamente ineficiente”, e lembrou que os datos coñecidos nos últimos meses xa evidencian unha situación límite. “Xa vemos que non chegaba con ter unha xerencia absolutamente ineficiente que se nega a dimitir despois de todos estes colapsos”, advertiu.

Neste sentido, insistiu en que a Xunta debe asumir responsabilidades políticas e actuar de maneira inmediata para reverter a situación. “O que temos que facer hoxe é xa reivindicar e ir máis para adiante”, afirmou.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago dirixiuse tamén ao portavoz municipal do Partido Popular, Borja Verea, ao que instou a “facer de altavoz dos seus veciños e veciñas”. “Agardamos o apoio inmediato, pero sobre todo tamén as declaracións públicas do señor Verea reivindicando” unha solución para esta situación, afirmou Bouza, quen reclamou coherencia política.

Por último, Bouza reiterou o compromiso do PSdeG de seguir defendendo unha sanidade pública “en condicións para todos e para todas”, e avanzou que continuarán impulsando iniciativas no Parlamento de Galicia para garantir unha atención sanitaria digna. “Que o Verea concelleiro fale co Verea deputado a ver se por fin se poñen de acordo e defenden dunha vez a sanidade pública dos composteláns e compostelás”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *