Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 abril, 2026
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denunciou a situación de parálise das obras de reurbanización da rúa García Lorca, no barrio de Guadalupe, e esixiu ao Goberno da señora Sanmartín que dea explicacións claras á veciñanza e fixe prazos concretos para a súa reactivación.
Abal puxo o foco na preocupación existente entre os veciños e veciñas, que están a vivir unha situación de incerteza prolongada. “Estamos ante unha obra que leva case tanto tempo parada como en execución desde que comezou en setembro de 2025”, advertiu.
Segundo explicou, o Goberno municipal trasladara á veciñanza que a introdución dunha modificación no proxecto suporía un atraso aproximado dun mes. “Cumprido ese prazo, a realidade que presenta hoxe a rúa García Lorca é a dunha obra abandonada, sen actividade visible e sen información sobre cando se van retomar os traballos”, sinalou.
A concelleira socialista criticou que esta situación evidencia unha falta de planificación e de xestión por parte do Executivo local, así como unha ausencia de comunicación coa veciñanza afectada. “As persoas que viven no barrio teñen dereito a saber que está a pasar, cando se van retomar as obras e canto tempo van durar”, subliñou.
Desde o Grupo Municipal Socialista esixen que o Goberno local actúe con responsabilidade e transparencia, facilitando información clara e actualizada. “É imprescindible que se comunique unha data concreta para a reactivación das obras e que se presente un calendario realista adaptado á situación actual”, reclamou Abal.
Ademais, advertiu de que as molestias derivadas dunha obra destas características “son inevitables, pero non poden verse agravadas pola falta de información e pola ausencia de diálogo coa veciñanza”.
Por todo isto, os socialistas instan ao Goberno municipal a corrixir esta situación de inmediato e a garantir unha xestión máis rigorosa e transparente das actuacións que afectan directamente á vida diaria dos barrios de Santiago.
Escrito por Líder Redacción
obras politica psdg-psoe rua garcia lorca Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)