AD

Actualidad

O PSdeG denuncia o abandono da Sionlla e reclama o desbloqueo na súa conservación

today20 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Gumersindo Guinarte critica que o enfrontamento entre o Concello e a Xunta ameaza con levar o mantemento do polígono aos tribunais.
  • Os socialistas esixen menos confrontación e máis vontade real de acordo para frear a deterioración dun espazo estratéxico para a economía local.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Santiago amosou a súa preocupación ante a parálise administrativa e o estado de progresiva deterioración que sofre o Polígono da Sionlla. O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, instou ao goberno municipal a abandonar a política de confrontación e priorizar o mantemento dunha área que cualificou de «clave» para o tecido produtivo da cidade.

Guinarte cualificou a situación actual de “insostible” e amosou a preocupación do seu grupo “polo estado dos espazos públicos do Polígono da Sionlla”, polo que indicou que reclaman “actuacións inmediatas para poñerlle remedio».

Segundo explicou o voceiro socialista, a falta de mantemento básico está a derivar en graves problemas de alumeado e “desperfectos” na vía pública que danan a competitividade da zona e “xera unha clara sensación de abandono e inseguridade impropia dun espazo estratéxico para o tecido económico de Santiago», lamentou.

Guinarte recordou que, no mes de febreiro, o goberno municipal asegurara aos socialistas que “o procedemento para constituír a entidade de conservación seguía avanzando”, pendente unicamente dun informe de sostibilidade orzamentaria.

Porén, o voceiro socialista denunciou que as recentes noticias sobre un novo enfrontamento coa Xunta polos custos de mantemento pendentes desde 2022, data na que XESTUR deixou de informalos, “son moi preocupantes”. Como consecuencia, “a creación da entidade de conservación está cada vez máis bloqueada, está cada vez máis lonxe, e o conflito ameaza con acabar nos tribunais», advertiu.

Por todo isto, dende o grupo socialista indican que a “situación non pode seguir así”, e aseguran que «o que fai falta é menos confrontación, menos cartas e correos de ida e volta e máis vontade real de acordo”, poñendo o foco na necesidade de “aclarar responsabilidades” para actuar de inmediato sobre os desperfectos máis graves, “que son xa moi visibles e poñer en marcha dunha vez a entidade que debe garantir o mantemento e a modernización deste polígono».

Para o socialista, o estado do polígono vai máis alá dun conflito administrativo, afectando directamente á “imaxe que proxecta Santiago”, segundo expresou o voceiro “estamos a falar da seguridade, do funcionamento dunha área empresarial clave e, sobre todo, do apoio que merecen as empresas e as persoas que traballan na Sionlla”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *