AD

Actualidad

O PSdeG esixe á Xunta rigor na avaliación dos PIA e a Sanmartín que lidere a planificación urbanística

today18 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O Partido Socialista de Santiago participou na manifestación en defensa dos dereitos das persoas afectadas polos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) e advertiu de que “Santiago necesita vivenda e solo industrial, pero non de calquera maneira nin á custa dos dereitos da veciñanza”.

As e os socialistas reclaman á Xunta unha avaliación rigorosa dos impactos ambientais, patrimoniais e paisaxísticos, ao tempo que esixen ao Goberno de Sanmartín que exerza as súas competencias urbanísticas e lidere a planificación do desenvolvemento residencial e industrial de Compostela.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2026. O Partido Socialista de Santiago participou hoxe na manifestación en defensa dos dereitos das persoas afectadas polos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) en Galicia, unha mobilización na que a concelleira Marta Abal trasladou o apoio das e dos socialistas ás reivindicacións da veciñanza de Mallou e Lavacolla e reclamou responsabilidades tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Santiago.

Abal defendeu a necesidade de compatibilizar o desenvolvemento económico e residencial coa protección dos dereitos da cidadanía, insistindo en que “Santiago necesita vivenda e solo industrial, pero non de calquera maneira nin á custa dos dereitos da veciñanza”. Neste sentido, advertiu de que os proxectos deben responder ás necesidades reais do territorio e contar cunha planificación que respecte as persoas afectadas.

A concelleira socialista puxo o foco na responsabilidade do Goberno galego e advertiu de que “a Xunta non pode actuar de costas ás persoas afectadas, obviando os impactos ambientais, patrimoniais e paisaxísticos”. Por iso, reclamou que estes impactos se avalíen con rigor e que os novos desenvolvementos se leven a cabo nos lugares axeitados, garantindo en todo momento os dereitos das veciñas e veciños.

Porén, Abal advertiu de que a responsabilidade non corresponde exclusivamente á administración autonómica, xa que “o Concello de Santiago tampouco pode poñerse de perfil”. Neste sentido, lembrou que o Goberno municipal dispón de “competencias e instrumentos urbanísticos para planificar e liderar o desenvolvemento residencial e industrial de Compostela”, polo que reclamou unha implicación activa do executivo de Goretti Sanmartín nas decisións que afectan ao futuro da cidade.

Desde o Partido Socialista insistiron na necesidade dunha planificación territorial que permita atender a demanda de vivenda e solo empresarial sen comprometer os dereitos da veciñanza, lembrando que “tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Santiago teñen responsabilidades que deben asumir”. Neste sentido, Abal reivindicou que os novos desenvolvementos se realicen nos lugares axeitados, respectando o territorio e as persoas afectadas, e advertiu de que o Concello debe exercer un papel activo na definición do futuro residencial e industrial de Compostela.

Neste sentido, a concelleira socialista concluíu lembrando que “poñerse á fronte desa planificación non é unha opción, é unha obriga”, reivindicando o papel que debe asumir o Concello na definición do futuro residencial e industrial de Compostela.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *