Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 abril, 2026
A concelleira socialista Marta Abal advirte de que xa se recadaron centos de miles de euros sen que exista unha proposta clara nin os órganos necesarios para decidir o seu uso.
O Grupo Municipal Socialista levará a cuestión ao pleno de abril para esixir explicacións e reclamar diálogo cos sectores implicados.
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal advertiu da “falta de planificación e transparencia” do Goberno de Goretti Sanmartín na xestión dos ingresos procedentes da taxa turística, que no orzamento municipal de 2026 ascenden a 3 millóns de euros.
Segundo explicou, “só entre outubro e decembro do pasado ano xa se recadaron arredor de 600.000 euros”, o que evidencia a relevancia destes recursos e a necesidade de definir con urxencia o seu destino.
Abal lembrou que, de acordo coa ordenanza fiscal, “o 80 % destes ingresos debe destinarse a investimentos vinculados á promoción e ao desenvolvemento do turismo sustentable”, pero advertiu de que a súa asignación require previamente o informe da Comisión Permanente do Foro de Turismo Sustentable, “un órgano que a día de hoxe nin sequera está constituído”.
Neste contexto, a concelleira socialista criticou que “nos achegamos ao ecuador do exercicio sen unha folla de ruta clara nin un calendario para poñer en marcha os mecanismos necesarios”, o que ao seu xuízo reflicte “improvisación e falta de xestión nun ámbito estratéxico para a cidade”.
Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista preguntará no pleno deste mes se o Goberno local “ten xa unha proposta concreta sobre o destino destes fondos e, de ser así, cando pensa dala a coñecer e trasladala aos sectores afectados”.
Para as e os socialistas, resulta fundamental avanzar con urxencia tanto na constitución da Comisión Permanente como na definición dos usos destes recursos. “Estamos a falar de fondos importantes para o presente e o futuro do turismo en Santiago, que deben ser xestionados con planificación, participación e transparencia”, subliñou a concelleira.
A edil socialista insistiu ademais na necesidade de abrir un proceso de diálogo cos sectores e entidades implicadas, advertindo de que “non se pode seguir demorando unha decisión que require consenso e visión estratéxica”. “Santiago precisa aproveitar estes recursos con criterio e pensando no interese xeral, non mantelos bloqueados pola inacción do Goberno”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)