Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 julio, 2026
A concelleira de Festas e Turismo, Chus Campos, defende en Radio Líder Santiago unha programación máis ampla para dinamizar a vila, reivindica o equilibrio entre tradición e innovación e garante que o Derbi Asnal celebrarase con todas as garantías de benestar animal.
Padrón quere facer do Santiaguiño do Monte unha celebración cada vez máis ampla, participativa e dinamizadora para a economía local. Así o asegurou a concelleira de Festas e Turismo, Chus Campos, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, na que presentou a programación das festas, que este ano amplían o seu calendario con actividades culturais, musicais, infantís e tradicionais destinadas a atraer públicos de todas as idades.
Campos explicou que o Concello decidiu estender a programación máis aló dos tradicionais días 24 e 25 de xullo porque, segundo destacou, «agora ampliamos un pouco máis os días do que é o 24 e o 25 (…) para darlle cabida tamén a outras actividades (…), porque ao final iso repercute na economía do pobo e na vida e no movemento do propio pobo». A responsable municipal contrapuxo esta aposta coa tendencia doutros lugares: «Mentres noutros lugares diminúen os días, aquí amplíanse os días.»
A programación arrincará co concerto de Xacarandaina e continuará co Festival Ultreia, espectáculos folclóricos, música urbana, actividades familiares e propostas infantís. Segundo explicou a concelleira, o obxectivo é ofrecer unha programación diversa: «Quixemos meter un pouco música de todo tipo, para todas as idades (…), para que todo o mundo veña a desfrutar, que a xente saia, que consuma, que estea polo pobo, que é o que todos queremos.»
Durante a entrevista tamén destacou a boa acollida da pantalla xigante instalada para seguir o Mundial de fútbol feminino, unha iniciativa que, ao seu xuízo, contribúe á convivencia cidadá. «O fútbol estanos unindo nisto e temos que potencialo, porque penso que a unión, o bo saber estar e a boa compañía sempre hai que aprecialos e potencialos», afirmou.
Un dos asuntos que ocupou parte da conversa foi o Derbi Asnal, previsto para o día 24. Campos lembrou que a súa continuidade responde á opinión maioritaria recollida nunha enquisa cidadá. «A maioría, a gran maioría, votou que si que o queren», explicou, subliñando que o Concello decidiu asumir directamente a organización tras coñecer ese resultado.
A edil insistiu en varias ocasións en que o benestar animal será unha prioridade absoluta. «Obviamente, non se vai consentir ningún tipo de maltrato. Non se vai pegar a ningún animal», asegurou, engadindo que será especialmente rigorosa neste aspecto: «Teño que ver os animais en perfectas condicións.» Tamén lembrou que haberá veterinarios supervisando permanentemente o desenvolvemento da actividade para garantir que todos os exemplares cumpran cos requisitos sanitarios e de seguridade.
Sobre a decisión de trasladar o percorrido ao Paseo do Espolón, Campos explicou que responde precisamente á procura dunha maior protección para os animais. «Consideramos que era mellor para os animais pisar nesa grava e terra (…), moito mellor que correr no asfalto ou na pedra, onde poden esvarar.»
A concelleira tamén puxo en valor o carácter tradicional do Santiaguiño do Monte, que manterá os actos relixiosos, a romaría e a popular sardiñada. A este respecto destacou que esta celebración segue plenamente vixente. «Non está nin moito menos en declive esta festa», afirmou, lembrando a elevada asistencia rexistrada na edición anterior. Ademais, confirmou que volverán repartirse os populares sombreiros conmemorativos e que este ano haberá unha maior tirada para responder á demanda dos asistentes.
Entre as novidades tamén figura un servizo de transporte adaptado entre o Campo dos Outeiros e o monte cada media hora, pensado especialmente para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida ou para facer fronte ás altas temperaturas.
A entrevista concluíu coa vista posta nun intenso calendario festivo que continuará tras o Santiaguiño coa Festa do Pemento de Herbón e as celebracións das distintas parroquias do municipio.
Escrito por Líder Redacción
concello de padron derbi asnal festas padron programacion santiaguiño do monte turismo




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)