Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 abril, 2026
A banda Skadelos, gañadora da sexta convocatoria do proxecto musical Onda Chicha, pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago nunha entrevista marcada pola ilusión, a reivindicación cultural e a análise do momento actual da música galega. O grupo, formado no Carballiño, repasou a súa traxectoria, desde os seus inicios en formato acústico ata a consolidación como banda eléctrica, así como os retos e oportunidades que afrontan no sector.
“A verdade é que me quedei un pouco flipando cando vimos que gañáramos”, confesaba Darío, un dos membros máis faladores da formación, lembrando o momento no que recibiron a noticia. A reacción do grupo foi inmediata: “Agradecidos, contentos, felices e con moitas ganas de demostrar”. Un sentimento compartido por todos os integrantes, que ven neste recoñecemento unha oportunidade clave para medrar e chegar a novos públicos.
Skadelos naceu en 2019 como un proxecto entre amigos que tocaban en festivais e encontros informais. Tras un parón de varios anos, o grupo rexurdiu cunha proposta máis ambiciosa. “Tiñamos claro que queriamos formar unha banda que fora un pouco máis alá”, explicaban durante a entrevista, na que tamén detallaron a evolución cara a un son máis eléctrico, mesturando estilos como o ska, o punk, o indie ou a rumba.
Un dos aspectos centrais da conversa foi o uso do galego nas súas letras, unha decisión consciente desde o inicio. “É unha das identidades do grupo, témolo clarísimo desde o principio”, afirmaba Darío. Para Skadelos, cantar en galego non só é unha elección artística, senón tamén unha forma de apoiar a cultura propia: “Se temos unha lingua propia, hai que aproveitala”.
A banda tamén reflexionou sobre o momento actual da música en Galicia, que cualificaron como un “rexurdimento” con gran potencial. “Estamos vivindo un período bonito, hai moita máis implicación e moita máis canteira”, sinalaba Ángel, destacando o crecemento do sector audiovisual e musical en galego.
A pesar do optimismo, Skadelos non ocultou os obstáculos que atopan no seu día a día. A falta de locais de ensaio e o escaso apoio institucional son algunhas das principais preocupacións. “O básico é ter un sitio onde ensaiar, e iso moitas veces non é doado”, explicaba Willy, quen tamén reclamou máis oportunidades para bandas emerxentes en festivais e programacións locais.
Ademais, a dispersión xeográfica dos membros —repartidos entre cidades como Vigo, Lugo ou A Coruña— complica a coordinación. Aínda así, o compromiso é firme: “Aproveitamos os fins de semana e poñemos todo de cada un para poder ensaiar”.
A participación en Onda Chicha supuxo un punto de inflexión para Skadelos. O proxecto, impulsado por Radio Líder e Chicha Lovers, ofrece visibilidade, gravacións e a posibilidade de actuar en escenarios como a Sala Capitol. “Máis que gañar ou non, o importante é a visibilidade e poder compartir experiencias con outras bandas”, destacaban.
A banda tamén puxo en valor o nivel das formacións participantes: “Hai moitísimo talento, o nivel é altísimo”, sinalaban, lembrando que incluso houbo empate na votación final, o que evidencia a calidade do certame.
No plano creativo, Skadelos aposta por letras que reflicten experiencias reais, celebracións e tamén reivindicacións. “Falamos do día a día, de celebrar a vida, pero tamén de defender a nosa terra e a nosa lingua”, explicaban. As súas cancións poden xurdir en calquera momento: “Houbo temas que naceron nunha sobremesa longa, entre risas e brindes”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)