Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O goberno local de Oroso aprobou onte en solitario o orzamento municipal para o ano 2024, que ascende a 8,7 millóns de euros. O alcalde Álex Doval sinala que é un documento «cun claro enfoque no gasto social e na conciliación familiar», ao asegurar que prioriza o benestar dos maiores e nenos, cunha partida de 800.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar e 120.000 para o programa Concilia da Xunta.
Engade que son unhas contas que inclúen un total de 37 actuacións de investimento, por un montante superior a 1,7 millóns de euros. Destacan a creación de postos de traballo, con catro prazas do Plan de Emprego Local da Deputación, dúas de Aprol Rural e outras dúas para vítimas de violencia de xénero, financiadas pola Xunta. Súmanse dous obradoiros de emprego, que permitirán formar a nove desempregados do municipio.
Outra novidade orzamentaria é a posta en marcha dun programa de axudas para as comisións de festas do municipio, para promover a igualdade e flexibilidade nos gastos. Será «igualitario para todas as comisións, e serán elas as que decidirán en que gastar as axudas recibidas», explican desde o goberno municipal, que considera o orzamento 2024 «realista e axustado ao contexto e posibilidades do municipio, que prioriza o gasto social e a creación de emprego, buscando sempre o benestar e o progreso». As contas de Oroso saíron adiante co voto favorable da maioría absoluta do PP, mentres PSOE e BNG votaron en contra.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)