Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 enero, 2024
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS quere reiterar a denuncia feita hai xa oito anos sobre as condicións en que están sendo atendidos os pacientes oncolóxicos que deben recibir tratamento no hospital de día. A mencionada denuncia tivo como consecuencia a separación dos hospitais de día oncolóxico e hematolóxico, pero presisten os problemas estruturais postos de relevo xa daquela que, lonxe de se solucionar, aínda se agravaron nos últimos tempos.
A sala de espera é claramente insuficiente para os pacientes e os seus acompañantes e a solución que se buscou para esta situación foi situar asentos nunha zona de paso por onde transitan quen vai a outras especialidades ou ao ascensor. Téñase en conta que os pacientes oncolóxicos son persoas co sistema de defensas deteriorado, que quedan máis expostos, se cabe, a contraer outra enfermidade e, dito sexa de paso, asentos pouco confortables para quen ten reducida a súa mobilidade, caso frecuente nesta sección.
A cantidade de persoas que acoden cada día á consulta fai que deban ir unha hora e media antes para que lles dea tempo a realizar as analíticas previas antes de recibir o tratamento de quimioterapia. Aquí arranca unha cadea de demoras que provoca unha media de seis ou sete horas de espera para completar todo o que deben levar a cabo cada vez que acoden á consulta.
As condicións en que se atopan as persoas que reciben tratamento aquí supón que non poidan estar moito tempo sen comer e, como na práctica pasan case todo o día, fai que se lles proporcione comida. O que reciben como xantar componse dun bocadillo, unha peza de froita e un iogur. Se isto non parece o máis indicado para pacientes maiores ou con malestar que lles impide tolerar calquera tipo de alimento, se miramos en que se concreta a conclusión é moito peor, pois o bocadillo é de embutido e a froita está xa pasada. Isto non é unha impresión sen máis, senón que dispoñemos de documentos gráficos que o proban.
A atención recibida por parte do persoal sanitario é valorada moi positivamente polos usuarios do servizo, pero é evidente que a dotación resulta insuficiente. Ademais, cando algunha das persoas que atenden non está, non e substituída. Evidentemente, isto agrava o colapso e a espera.
Todo isto en canto ás condicións materias da consulta. Mención á parte merecen as demoras na realización e informe das probas radiolóxicas, claves para o seguimento desta doenza, pois están transcorrendo unha media de catro meses entre que se solicitan e se dispón dos resultados.
Polo tanto, esiximos unha vez máis á xerencia e ao xefe do servizo que as condicións do Hospital de Día Oncolóxico se axusten aos estándares de calidade e recomendacións do Ministerio de Sanidade publicadas no ano 2009, especialmente en canto as seguintes aspectos:
1. Reformar a área de admisión garantindo a privacidade dos pacientes.
2. Renovar as cadeiras das salas de espera mellorando a súa confortabilidade, mantendo a ratio de 1,5 asentos por paciente e dotándoas de fontes de auga fría.
3. Garantir que non hai salas de espera que sexan zonas de paso e que todas teñen acceso visual ao mostrador do tratamento.
4. Aumentar a dotación de persoal sanitario para que os tempos de espera sexan os imprescindibles desde a chegada do paciente ao hospital ata o remate do tratamento.
5. Mellorar a comida que se proporciona durante a espera que obstensiblemente non cumpre as mínimas condicións de calidade.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)