AD

Destacado

Os Reis Magos chegarán o día 5 a Santiago: este será o percorrido

today27 diciembre, 2024

Fondo
share close
AD

Pilar Lueiro explicou que os tres Reis Magos contactaron co Concello para organizar a súa chegada a Compostela e deron “autorización para comunicar xa algunhas das características do percorrido que van realizar e sobre as compañías que van integrar a súa comitiva”.

Así, Gaspar, Melchor e Baltasar sairán ás 17:30 horas da praza de Nosa Señora da Mercé de Conxo e percorrerán a avenida de Ferrol, cuxo último tramo será sen son e música para as persoas cunha sensibilidade especial, e cruzarán Romero Donallo para continuar Frei Rosendo Salvado ata a praza Roxa. Despois seguirán pola rúa de República do Salvador, rúa do Hórreo e rodearán a praza de Galicia para entrar na zona vella pola Porta Faxeira e seguir pola rúa do Vilar ata a praza do Obradoiro onde está previsto que sexan recibidos pola alcaldesa e por membros da Corporación municipal entre as 19 e as 19:30 horas. A continuación dirixirán unhas palabras á cativada e pasarán ao Salón Vermello do Pazo de Raxoi para a tradicional recepción.

En total, prevese a participación de «300 persoas» no percorrido, «das que arredor de 200 serán voluntarias, demostrando o forte compromiso e colaboración da rapazada de Compostela, unha das cousas que máis valoran Melchor, Gaspar e Baltasar”.

Novidades

A concelleira detallou que nesta ocasión o desfile contará coa participación de 8 compañías profesionais de Galiza e doutras partes de Europa, “que nos agasallarán con espectáculos protagonizados por acrobacias, danza e música, engadindo un toque de maxia e talento nacional e internacional á celebración”, e fixo un especial recoñecemento ao traballo das escolas de danza de Compostela Mandala e Cancunquinqué, así como á colaboración de asociacións como Armatroulas e da Escola de Música, que participará coa súa sección de corneta.

A cabalgata estará composta por cinco carrozas: tres carrozas para os Reis Magos, que irán acompañadas polos seus paxes e heraldos reais;  a carroza da Carteira Real, que levará a maxia das cartas escritas polos nenos e nenas de Compostela; e a gran novidade, a carroza da Boa Estrela, que abrirá o desfile iluminando o camiño con bos desexos para todas as persoas que se acheguen a vivir esta noite tan especial.

Unha vez chegados á praza do Obradoiro, cativada «de todas as idades» poderá gozar do concerto do grupo de música infantil María Fumaça, que porá o broche de ouro a esta xornada e dunha chocolatada «para combater as temperaturas de xaneiro».

Outras actividades

O vindeiro luns 30 de decembro, a partir das 17 horas na contorna do palco da música da Alameda, terá lugar a actividade “Estrelas e Desexos”. Pilar Lueiro convidou a toda a veciñanza a achegarse e colocar a súa estrela de oito puntas cos seus desexos na árbore, nun evento con música a cargo do Coro Encaixe e chocolatada.

O día 31 de decembro, tera lugar «unha das citas máis divertidas e creativas destas datas», a Carreira de San Silvestre, que sairá da praza do Obradoiro ás 17:30 horas. «Este ano xa superamos as inscricións do ano pasado poque onte, unha hora antes do peche xa estábamos nas 2004 persoas inscritas», detallou a concelleira.

O día 31 pecharase coa Festa de Fin de Ano  Obradoiro que nesta ocasión estará amenizada por Mekánica Rolling Band, coa idea de encher a praza de baile e movemento despois das uvas de medianoite.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%