Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 noviembre, 2024
Padrón. 27-11-2024.- O Concello de Padrón, a través das súas Concellerías de Festexos e Cultura, presenta unha programación de Nadal deseñada para encher as rúas da vila de maxia, música e tradición. O obxectivo principal é ofrecer a veciñanza e visitantes actividades pensadas para todos os públicos, destacando o carácter familiar e gratuíto de todas as propostas.
O acendido das luces este domingo inaugurará unha transformación de Padrón nun auténtico escenario de festa que culminará coa gran Cabalgata de Reis o domingo 5 de xaneiro. Entre ambas datas, na vila sucederanse as propostas que combinan espectáculos musicais, eventos solidarios e actividades infantís.
O día 1 é a data sinalada para que Padrón dea a benvida oficial ao Nadal. A convocatoria é ás 19:30 horas no Fondo de Vila onde o espectáculo aéreo Inanna será o encargado de dar paso ao acendido das luces. A partir das 20:15 horas as rúas da vila encheranse de música e de trasnos de Papá Noel que argallarán coa cativada.
O venres 13 de decembro, ás 19:00 horas, a fachada do Convento do Carme acollerá unhas proxeccións de Nadal que serán visibles dende o paseo do Espolón e a Ponte do Carme, mentres que ao día seguinte, o sábado 14, será o momento de volver gozar no auditorio do talento da Banda de Música Municipal de Padrón co seu concerto de Nadal.
No mesmo escenario, o domingo 15 poderase gozar coa batalla de galos Papá Noel é rapero de rap e freestyle coa participación do grupo padronés de rock Fivestarservice e organizada con fins benéficos a favor de Cáritas.
Continuará a programación padronesa o venres 20, na Igrexa de Padrón, cun gabinete de curiosidades musicais na que participarán dúos líricos de canción, ópera e zarzuela. A cita terá continuidade ás 20:30 horas, momento no que a fachada do Convento do Carme volverá a acoller proxeccións de Nadal.
O sábado 21 será un dos momentos máis agardados pola veciñanza co tradicional Festival de Panxoliñas que se celebra como cada ano no auditorio municipal ás 19:00 horas. Nesta ocasión poderase desfrutar coas actuacións da Coral Polifónica de Cariño, a Coral Polifónica de Lalín e a Coral Polifónica Padronesa.
Visita de Papá Noel e moita música
Pero se hai un momento especialmente sinalado en vermello pola cativada será o luns 23 de decembro, día no que Padrón recibe a Papá Noel na rúa Real a partir das 17:30 horas. A xornada continuará ás 19:00 horas co espectáculo infantil Os Piñeiriños: Xa é Nadal no paseo do Espolón, seguido dunha sesión musical a cargo de DJ A Duendeneta.
Os nenos e nenas volverán ser protagonistas o xoves 26 co espectáculo de Títeres e Cascanueces Unha armadura con ferruxe. A representación comeza ás 18:00 horas no auditorio municipal, ao igual que o espectáculo de Os Bolechas Cantares de Reis que presentarán a súa xira de Nadal o sábado 27.
Padrón comeza o ano 2025 cheo de música, co concerto de clausura do 2º curso de vento metal da Escola de Música, unha cita programada para o mércores 3 de xaneiro, e o concerto de Reis da Banda Municipal o sábado día 4. Ambas actuacións serán ás 19:00 horas no auditorio.
Como broche de ouro, o domingo 5 de xaneiro terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis que percorrerá dende as 17:00 horas as principais rúas da vila para levar ilusión aos máis pequenos e poñer fin a un Nadal inesquecible.
Actividades especiais
O Concello de Padrón quere garantir que toda a veciñanza poida participar na celebración destas festas de Nadal que ademais sempre atraen a un gran número de visitantes, polo que o domingo 22 comezará coa campaña de agasallos nos comercios locais, unha iniciativa que busca dinamizar o tecido comercial da vila.
A programación complétase coas visitas de Papá Noel aos colexios E.I. Pontecesures, E.I. Arretén, Ceip da Escravitude, E.I. Extramundi, Ceip Rosalía de Castro, Ceip Flavia e á Escola Infantil Municipal.
Todas as actividades serán de balde ata completar aforo, reforzando o compromiso do Concello coa accesibilidade e a participación cidadá.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)