AD

Comarca

Padrón reafirma o seu compromiso coa igualdade: “A única cifra admisible de vítimas é cero”

today29 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

• O Concello e o CIM Terras de Iria pechan os actos de conmemoración do 25N reafirmando o seu compromiso contra as violencias machistas
• A xornada comezou cun emotivo acto institucional no que se recordou a cada unha das mulleres e menores asasinados
• O auditorio acolleu a representación teatral de ‘Mariposas no aire’, a lectura do manifesto institucional, e a entrega de premios de debuxo aos escolares
• “Sería un soño non ter que celebrar esta xornada, pero é necesario poñer o foco sobre o padecemento de todas estas mulleres que sofren o machismo na súa pel”, subliñou a concelleira de Muller e Igualdade Mariló Saco

Padrón. 29-11-2024.- O Concello de Padrón e o CIM Terras de Iria organizaron este venres, 29 de novembro, unha completa xornada de actos co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A programación reuniu á corporación municipal e á veciñanza en diferentes actividades que tiveron lugar na praza da Igualdade e no auditorio municipal, fomentando a reflexión, a memoria e a reivindicación contra as violencias machistas.

A xornada comezou ás 18:00 horas na Praza da Igualdade cun acto institucional no que se colocou unha flor no Monumento ás vítimas por cada unha das 41 mulleres e 8 menores asasinados no que vai de ano. Este xesto simbólico serviu para reafirmar o compromiso do Concello de Padrón coa igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres. A concelleira de Muller e Igualdade, Mariló Saco, recordou que “os asasinatos machistas seguen aumentando”. “Ante esta realidade non podemos acostumarnos a discursos emotivos e indignados, nin a caer no desánimo pola súa persistencia”, engadiu. A edil de Padrón insistiu que é un compromiso que compete a toda a sociedade, apelando “a todos eses homes que condenan a violencia machista para que rachen definitivamente con ela; para que se desmarquen das masculinidades tradicionais, dos privilexios e do silencio cómplice”.

Posteriormente, ás 19:00 horas, o auditorio municipal acolleu a representación teatral Mariposas no aire, da compañía Maramado. A obra narra a historia das Irmás Mirabal, símbolo do feminismo mundial pola súa loita contra a ditadura de Trujillo na República Dominicana. O espectáculo combinou historia e emoción, trasladando ao público os valores de igualdade e liberdade polos que estas mulleres foron asasinadas e que hoxe representan o espírito do 25N.

Lectura do manifesto

A xornada continuou coa lectura do manifesto institucional, tamén a cargo da concelleira Mariló Saco quen salientou: “A violencia contra as mulleres e nenas, arraigada nunhas relacións de poder desiguais, persiste como unha crise silenciosa e endémica. Compartimos a súa dor, a súa desolación e denunciamos a nosa firme condena a todas e cada unha destas formas de violencia. Sería un soño non ter que celebrar esta xornada, pero é necesario poñer o foco sobre o padecemento de todas estas mulleres que sofren o machismo na súa pel”.

Ademais, a concelleira destacou a importancia da implicación social nesta causa: “Resulta fundamental coordinar todos os recursos para sensibilizar a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero. As entidades locais debemos ser os principais axentes desta loita, promovendo unha sociedade que non permita, xustifique ou banalice as agresións nin as condutas discriminatorias contra as mulleres. Grazas ao feminismo enfrontamos con forza os desafíos desta loita, deixando claro que a única cifra admisible de vítimas é cero”.

Como peche do evento entregáronse os premios do IV Certame de Debuxos sobre Igualdade e Violencia de Xénero, que contou cunha ampla participación de escolares. Os traballos premiados, xunto co resto das propostas, permanecerán expostos nos escaparates de Padrón ata o 30 de novembro, ofrecendo á veciñanza unha oportunidade para reflexionar sobre esta temática a través da creatividade infantil e xuvenil.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%