Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón. 9-7-2024.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, trasladoulle á deputada socialista Patricia Iglesias as principais demandas que o goberno municipal lle ten solicitado á Xunta de Galicia, entre as que figuran o arranxo do centro de saúde, que necesita unha reforma integral; a creación dunha residencia-centro de día para a terceira idade; e que a Xunta asuma a xestión da escola infantil de Padrón integrándoa na rede galiña azul.
Patricia Iglesias comprometeuse a trasladar estas demandas ao Parlamento galego, para que a Xunta dea unha resposta e acabe “coa situación de deslealdade institucional e de infrafinanciamento na que se atopan todos os concellos galegos”. Segundo a deputada, e como ocorre en Padrón, “os concellos están a asumir moitas competencias impropias, que lle corresponden á Xunta de Galicia”.
A deputada do PSdeG-PSOE visitou este luns o Concello de Padrón e mantivo unha reunión de traballo co alcalde e con membros do goberno municipal para coñecer as principais necesidades do municipio. Anxo Arca, Patricia Iglesias e concelleiros do goberno visitaron o centro de saúde, acompañados polo coordinador do centro. Durante a visita, percorreron todo o edificio e puideron observar como as numerosas humidades e a falta de illamento están ocasionando problemas no chan, nos teito e nas paredes do inmoble.
“O centro de saúde está nun estado deplorable e precisa dunha urxente reforma integral. Os pacientes e o persoal do centro viven día a día con humidades na estrutura, cun chan que se desfai e moitos dos equipos e mobiliario están oxidados”, dixo Patricia Iglesias.
Anxo Arca informou á deputada que dende o Concello de Padrón se solicitaron ata tres reunións co conselleiro de Sanidade para tratar a mala situación na que se atopa o centro de saúde padronés. Estas solicitudes, que non obtiveron nunca resposta por parte da Xunta, foron realizadas formalmente polo Concello entre setembro de 2023 e maio de 2024.
Coa finalidade de axilizar os trámites, estas solicitudes de entrevista enviáronse acompañadas dun informe técnico e dun orzamento aproximado. No informe, sinalábase que “as actuais condicións construtivas ocasionan e inciden no deterioro do inmoble, presentando problemas derivados das filtracións e das humidades que se producen pola falta de actuacións xeralizadas na envolvente do edificio (fachada, carpinterías exteriores e cubertas)”. Os técnicos tamén resaltan no seu informe que o estado do centro médico “evidencia unhas condicións desapropiadas para os usuarios (pacientes e traballadores), podendo chegar a considerarse nalgúns aspectos como ‘pouco saudables’ dado o centro do que se trata”. O orzamento aproximado para o arranxo das deficiencias do centro de saúde, segundo cálculos do técnico municipal, ascende a 1.185.325,68 €.
Nova residencia-centro de día
Por outra banda, Anxo Arca defende de xeito prioritario a construción dunha residencia-centro de día en Padrón, xa que “temos que garantir un servizo básico de coidado aos nosos maiores, e
que se manteñan preto do lugar onde sempre viviron”.
A necesidade dunha residencia para Padrón vese apoiada polos datos oficiais. O índice de envellecemento da poboación padronesa é dun 23,6%; o índice de senectude é dun 13,1%, e o de dependencia total nesta franxa de idade é dun 40%.
No Concello de Padrón existe un proxecto xa redactado para unha residencia, que estima o custe da súa construción nuns 3.500.000 €, sen engadir a humanización da contorna. “É xusto que o Concello lle reclame servizos básicos á Xunta de Galicia, e máis se comparamos o seu orzamento anual de 14.000 millóns de euros fronte aos 10 millóns do Concello”, finaliza o alcalde.
Escola infantil como galiña azul
Por último, o Concello de Padrón xa ten un proxecto para construír unha nova escola infantil municipal con capacidade para atender 70 menores, cun orzamento aproximado de 800.000 €.
A día de hoxe, a xestión da escola infantil está financiada polo Concello, o que supón un custo moi importante para as arcas municipais. É por isto que o goberno de Anxo Arca aspira a que a Xunta integre a escola infantil de Padrón na súa rede de galiñas azuis.
Escrito por Líder Redacción
centro de saude padron politica radio lider santiago reforma
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)