AD

Actualidad

Padrón recoñece a Alberto Rey co premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo’ e noméao Peregrino de Honra

today6 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • A cerimonia de entrega terá lugar o venres 13 de setembro, ás 19:00 horas, na igrexa de Santiago
  • O galardoado destaca pola súa sólida formación no campo do turismo e pola súa extensa traxectoria profesional
  • Con esta distinción, o goberno local mantén o seu compromiso coa promoción do Camiño e coa preservación do patrimonio xacobeo

Padrón. 05-09-2024.- O Concello de Padrón outorgará o premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo’ a Alberto Rey en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso coa promoción do Camiño de Santiago. Este galardón, que tamén implica o seu nomeamento como Peregrino de Honra, será entregado no marco da celebración do Día do Peregrino o vindeiro venres 13 de setembro ás 19:00 horas na igrexa parroquial de Santiago de Padrón.

A entrega do premio, instaurado en 2017, busca recoñecer a persoas cuxo traballo relevante contribúe á promoción e preservación do Camiño de Santiago, ademais de destacar o seu papel como embaixadores de Padrón, unha vila con gran relevancia histórica no contexto das rutas xacobeas. Alberto Rey, profesional con ampla experiencia no ámbito turístico e profundo coñecemento do Camiño, engrosa a lista de distinguidos predecesores, como o xornalista Pepe Domingo Castaño (2017) ou o estudoso Manuel Garrido Rivero (2018). O pasado ano o galardoado foi José Antonio de la Riera.

Unha traxectoria marcada polo turismo e o Camiño

Alberto Rey, técnico de Turismo en Padrón dende 2010, conta cunha sólida formación que inclúe un Ciclo Superior en Información e Comercialización Turística, unha Diplomatura en Turismo e un Máster en Dirección e Planificación do Turismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Entre os seus méritos máis destacados atópase a súa tese de máster sobre o «Turismo de Catástrofes», onde analizou o impacto do Prestige na actividade turística de Fisterra e Muxía.

Ademais, a súa experiencia profesional inclúe o labor como guía oficial de Turismo en Galicia, Asturias e Portugal, guía do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e da Rede de Xuderías de España, ademais de ser xestor acreditado polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED). Alberto ten contribuído de maneira significativa á promoción do turismo en diversas localidades galegas, ademais de manter unha activa implicación no ámbito do tempo libre durante máis de 10 anos.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou o traballo realizado por Alberto Rey ao longo da súa traxectoria á fronte da oficina de turismo padronesa “á hora de expor e poñer en práctica iniciativas exitosas que contribuíron a aumentar notablemente o número de visitantes e o coñecemento do noso patrimonio natural e cultural”.

“O recoñecemento ao labor realizado por Alberto é extensible ao conxunto de traballadoras e traballadores municipais, que son os que materializan as políticas que dende os gobernos se determinan. Ningunha administración pública pode funcionar sen o traballo incansable de todas as persoas que a compoñen e é de xustiza poñer en valor e recoñecer o seu esforzo dende o sector público”, engadiu o rexedor.

Como parte da cerimonia de entrega, que será amenizada pola Banda Municipal de Padrón, o Peregrino de Honra terá o privilexio de asinar o libro de honra, un acto simbólico que subliña a importancia do seu nomeamento.

Con esta distinción, o Concello de Padrón mantén o seu compromiso coa promoción do Camiño e coa preservación do patrimonio xacobeo, recoñecendo aqueles que, coma Alberto Rey, traballan para fortalecer este legado.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%