AD

Comarca

Padrón, Rois e Dodro súmanse á campaña ‘Merca no teu Comercio’

today16 mayo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A iniciativa desenvolverase entre o 15 e o 30 de maio e sorteará 1.000 euros en tarxetas prepago entre as persoas participantes

O Concello de Padrón, xunto ao de Rois e de Dodro participarán desde este venres, 15 de maio, nunha nova edición da campaña autonómica 𝑴𝒆𝒓𝒄𝒂 𝒏𝒐 𝒕𝒆𝒖 𝑪𝒐𝒎𝒆𝒓𝒄𝒊𝒐, unha iniciativa impulsada pola Federación de Comercio da Coruña, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar as compras no comercio de proximidade e dinamizar a actividade económica local.

A campaña desenvolverase ata o 30 de maio de 2026 e levarase a cabo simultaneamente noutras localidades galegas, entre elas Narón e Fene, formando parte dun programa global que contempla un total de 40 campañas en 114 municipios de toda Galicia.

No caso da provincia da Coruña, celebraranse ao longo dos próximos meses 10 actuacións promocionais que abranguerán 28 localidades e repartirán un total de 10.000 euros en premios.

A través desta iniciativa búscase incentivar as compras nos establecementos retallistas locais, reforzar o vínculo entre a veciñanza e o comercio de proximidade e contribuír á dinamización económica dos municipios participantes.

Poderán participar todas as persoas que realicen compras nos comercios adheridos de Padrón, Rois e Dodro entre o 15 e o 30 de maio. Para entrar no sorteo deberán rexistrar os seus tíckets de compra a través da páxina web da campaña, mercanoteucomercio.com, utilizando calquera dispositivo electrónico, xa sexa teléfono móbil, tableta ou ordenador.

Ademais, os propios comerciantes poderán rexistrar tamén as compras realizadas polos seus clientes desde a mesma plataforma, o que permitirá duplicar as posibilidades de resultar premiado.

Sorteo de mil euros en 20 tarxetas prepago

Entre todas as persoas participantes na campaña correspondente a Padrón, Rois e Dodro sortearanse un total de 1.000 euros distribuídos en 20 tarxetas prepago de 50 euros cada unha, que deberán empregarse posteriormente nos propios comercios locais das localidades participantes.

O sorteo celebrarase o día 1 de xuño, mentres que a entrega de premios aos gañadores e gañadoras de Padrón, Rois e Dodro terá lugar o mércores 10 de xuño na Praza de Macías de Padrón.

Desde o Concello de Padrón anímase á veciñanza a sumarse a esta campaña e apostar polo comercio de proximidade, fundamental para manter vivo o tecido económico e social dos municipios.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *