AD

Actualidad

Pedro Blanco destaca en Padrón o maior investimento da historia recente nas estradas galegas

today9 junio, 2026

Fondo
share close
AD

Padrón, 9 de xuño de 2026. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou este martes en Padrón o esforzo inversor do Executivo central para mellorar a seguridade viaria na comunidade a través dun Plan Especial de Estradas dotado con 167 millóns de euros, unha iniciativa que contempla actuacións simultáneas nas catro provincias galegas e que inclúe obras de emerxencia para reparar os danos causados polos temporais do pasado inverno.

Durante a súa visita ao municipio padronés, acompañado polo alcalde, Anxo Arca; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado na provincia, Francisco Prego, Pedro Blanco destacou que o plan deixa en Padrón un investimento de 500.000 euros para mellorar os tramos da N-550 e da N-550A.

Segundo explicou, destes fondos, 300.000 euros destínanse ás reparacións máis urxentes e outros 200.000 euros a actuacións de mantemento e mellora puntual. Os traballos inclúen o fresado e a reposición do firme nos puntos máis deteriorados co obxectivo de incrementar a seguridade e mellorar as condicións de circulación.

Blanco salientou que o plan mobiliza 38 millóns de euros extraordinarios para facer fronte aos efectos das borrascas invernais. Sumados ao investimento ordinario, permiten alcanzar unha cifra récord de 167 millóns de euros destinados á conservación das estradas estatais en Galicia durante este ano.

“O Goberno está actuando en preto de 2.000 puntos distintos da rede estatal para garantir a mobilidade e a seguridade viaria, cun despregamento sen precedentes de medios humanos e técnicos”, afirmou o delegado.

O Plan Especial contempla actuacións sobre 262 quilómetros de vías, a intervención en 1,2 millóns de metros cadrados de superficie e a extensión de máis de 260.000 toneladas de asfalto. Para executar estas obras mobilízanse arredor de 200 operarios, 75 máquinas e 60 camións.

Na provincia da Coruña, o investimento ascende a 6 millóns de euros e inclúe traballos en infraestruturas como a A-6, A-54, AC-14, AC-10 e as estradas N-634, N-547, FE-13 e N-550.

Pedro Blanco lembrou ademais que o Goberno de España investiu desde 2018 un total de 737 millóns de euros na modernización e mellora da seguridade da rede estatal en Galicia, unha aposta que, segundo indicou, contribúe á cohesión territorial, á actividade económica e á creación dunhas infraestruturas máis modernas e adaptadas ás necesidades da cidadanía.

Transformación da travesía da N-550

O delegado tamén avanzou que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible destinará 3 millóns de euros á transformación da travesía da N-550 ao seu paso por Padrón.

A actuación permitirá crear un corredor máis seguro e accesible para peóns e ciclistas, con novas zonas verdes e mobiliario urbano, ao longo de case un quilómetro entre o centro urbano e o límite coa provincia de Pontevedra.

Segundo destacou Pedro Blanco, esta intervención responde a unha demanda histórica do Concello e da veciñanza e permitirá adaptar a travesía ás novas formas de mobilidade, mellorando a integración urbana e a calidade de vida da cidadanía.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *