Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 diciembre, 2023
A pasada semana, os concelleiros Rosario Ferreiro, José Ramón de la Fuente e Adrián Villa, reuníronse coa veciñanza das rúas de Mónaco e Monte dos Postes, con motivo dunha queixa pola colocación dunha illa de compostaxe.
Inicialmente, tal e como se pode comprobar no propio terreo, a intención era colocar esta illa no medio do espazo verde da rúa Mónaco. Días despois, tal e como afirmaba a veciñanza que alí reside, esa localización mudou, coa pretensión de colocala a menos de 10 metros da entrada dos edificios e baixos comerciais. Unha vez paralizada a instalación, dadas as queixas de veciños e comerciantes, solicitouse unha reunión co goberno nacionalista que, a día de hoxe, non tivo lugar.
“Comeza a ser habitual a calada por resposta do goberno nacionalista” afirmaba Villa en referencia a esa ausencia de diálogo co BNG, poñendo de exemplo moitas outras queixas que os populares reciben ante a falta de atención por parte do goberno municipal.
Días despois da visita dos concelleiros, a veciñanza púxose de novo en contacto para indicar que finalmente, a localización da illa de compostaxe pasaba a unha terceira localización que, casualmente, foi a alternativa ofrecida polos propios veciños e comerciantes aos traballadores que asistiron a realizar a instalación.
Con este último feito, Rosario Ferreiro lamentou a clara falta de planificación por parte do concello. “Resulta sorprendente que unha actuación como é unha illa de compostaxe non conte con ningún tipo de estudo previo e que se improvisen tres cambios de localización en menos de dúas semanas”, afirmaba a edil.
Cabe lembrar que a compostaxe de residuos orgánicos é un espazo que require unhas determinadas condicións no referente á temperatura, humidade e un exhaustivo mantemento para comprobar o nivel de enchido ou os cheiros.
Por último, De la Fuente insistiu na falta de diálogo do goberno. “Aínda que somos coñecedores de que hai solicitudes por parte da veciñanza deste tipo de instalacións, o goberno debera facer un estudo previo e, posteriormente, consensuar”. Tal e como se coñeceu o pasado mes de outubro, estaba prevista a instalación de 6 novas illas comunitarias antes de final de ano, entre as que se incluía a da rúa Mónaco.
Por todo isto, os populares solicitarán información sobre estes novos espazos de compostaxe así como sobre os requisitos existentes para a súa localización e dotación de recursos e persoal que precisan para o seu correcto funcionamento e mantemento.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)