Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
01/07/2024 A Xunta de Goberno local acordou esta mañá autorizar o inicio de trámites para proceder á recepción das obras de reforma realizadas no Mercado de Abastos para mellorar a funcionalidade e a accesibilidade deste inmoble de titularidade municipal. Tamén se deu luz verde a 14 licenzas de obras urbanísticas e á adhesión do Concello de Santiago á Central de Contratación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a adquisición de forma conxunta dos servizos de Correos. De todos os asuntos tratados en Xunta de Goberno, deu conta a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.
O executivo municipal deu luz verde esta mañá ao inicio de trámites para proceder á recepción das obras de «Reforma da praza de Abastos», adxudicadas o pasado mes de outubro á empresa INSIDE THE TEAM, S.L por un importe total de 451.278,16 euros, co propósito de realizar unha serie de actuacións de reparación e mellora sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central. Todas estas actuacións, consensuadas coas persoas praceiras e coa xerencia do Mercado de Abastos, teñen como obxectivo a posta en valor deste inmoble de titularidade pública, incrementar a súa funcionalidade, así como facelo máis cómodo e accesible.
En concreto, actuouse nas marquesiñas de vidro situadas sobre os postos da muralla para eliminar as filtracións e mellorar o mantemento do falso teito, establecendo unha pendente mínima de 1,5% ao plano de vidro da cuberta, cunha instalación dunha nova baixante por canlón, unha nova impermeabilización adherida ou flotante sobre o canlón existente; e a instalación dun novo canlón a modo de freo para a auga recollida pola cuberta de tella. Tamén se instalou un falso teito de reixa en aceiro galvanizado, máis doado de desmontar e de máis sinxela limpeza e mantemento.
Nas marquesiñas de comunicación entre o edificio e os obradoiros e aquelas entre as naves levouse a cabo unha intervención similar mediante a substitución dos elementos para resolver as filtracións de auga e o difícil mantemento do falso teito. Tamén se levaron a cabo labores de limpeza do canlón existente e a revisión de selaxes e unións con estrutura metálica existente. O falso teito de vidro, de difícil mantemento foi substituído por unha malla permeable á luz que sirva para tamizar o seu paso; un elemento o suficientemente lixeiro e resistente para o seu fácil desmonte e manipulación.
Polo que respecta aos estores verticais que protexen do sol os postos localizados sobre a muralla, foron recolocados entre os piares para facilitar o seu mantemento. Colocáronse con guías verticais, para garantir o seu uso e mantelos desde ambos lados. Esta solución tamén fai que estes elementos, que deben entenderse como auxiliares, teñan menos peso visual desde a rúa Virxe da Cerca. Ademais, dotáronse de caixas para que estean resgardados da intemperie e motorizaranse para que o recollido se realice de xeito sinxelo.
En canto ás portas corredeiras das naves, de 3 metros de altura, procedeuse á instalación de novos motores, co obxecto de axilizar a súa apertura pola nova localización do sensor de presenza, que se descolgará do dintel. Ademais, instalouse nas portas dun marco perimetral de aceiro inoxidable mate, que protexerá os vidros dos golpes nos bordos.
Tamán se procedeu á substitución da arqueta exterior do baño adaptado para evitar os atascos e mellora da instalación eléctrica da torre central.
Licenzas
O executivo municipal tamén acordou esta mañá a concesión de 14 licenzas urbanísticas para levar a cabo actuacións en vivendas particulares. Entre elas, Míriam Louzao salientou a concesión ao Mirador do Castiñeiriño Sociedade Cooperativa Galega de Vivendas dunha licenza para a construción dun edificio de 12 vivendas de promoción pública, con garaxe e trasteiros na parcela BB5 do SUNP 11 na rúa Federica Montseny 1, no barrio do Castiñeiriño.
Outros asuntos
O Goberno municipal tamén aprobou a adhesión do Concello de Santiago á Central de Contratación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o servizo de Correos. Míriam Louzao destacou que se trata dunha «novidade» xa que é a primeira vez que a FEGAMP ofrece aos Concellos a posibilidade de adherirse a un contrato centralizado realizado nesta entidade co fin de poder contratar os servizos postais e telegráficos de forma conxunta.
Na sesión desta mañá tamén a Xunta de Goberno tamén aprobou un expediente de crédito extraordinario de importe 40.000 euros para dispor neste exercicio da achega municipal que posibilite a sinatura dun convenio coa Xunta e a Deputación para a dotación dun vehículo para Posto de Mando Avanzado (PMA) e dunha PICK UP para prevención, xestión e atención de situacións de emerxencia.
Escrito por Líder Redacción
compostela mellora mercado de abastos obras radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)