Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 noviembre, 2023
17-11-2023. O Concello de Rois poñeralle o punto final ao Nadal coa estrea do Trail e Andaina Montes de Oleirón, proba que se disputará na mañá do domingo 7 de xaneiro e para a que xa están abertas as inscricións na páxina www.emesports.es
A nova proba organizada polo Concello de Rois presenta dúas modalidades diferenciadas: un trail e unha andaina. O trail, de natureza competitiva, consta dun total de 21,5 quilómetros e a participación está acotada a persoas maiores de idade. A inscrición ten un custo de vinte euros.
O itinerario pasará pola Pontenova, Cornes, O Aido, Reibó, a caseta do monte de Santa Icía e a aldea de Abelendo antes de voltar cara a Rois. Haberá tres puntos de avituallamento nos quilómetros 6 (Reibó), 11 (Abelendo) e 17 (cruce de catro camiños).
Haberá un total de seis categorías: xeral, absoluta (ata 39 anos cumpridos o día da proba), veterán A (de 40 a 49 anos), veterán B (máis de 50 anos), por equipos e local. Levarán premios os primeiros tres clasificados en xeral, absoluta e veterán, tanto en homes como en mulleres, así como os tres mellores equipos e o home e a muller empadroados en Rois que atravesen a meta en primeiro lugar.
Os premios do gañador e da gañadora da categoría xeral serán unhas tallas de madeira realizadas polo artista roisense Camilo Seira.
A andaina, pola súa parte, cubrirá un itinerario de dez quilómetros e nela poderá participar calquera persoa que o desexe. Os menores de idade, que teñen inscrición gratuíta, deberán ir acompañados dunha persoa adulta responsable. Os participantes adultos pagarán 10 euros por anotarse.
Na andaina haberá un só punto de avituallamento no quilómetro 6,4 (cruce de catro camiños).
Tanto para o trail como para andaina, a recollida de dorsais efectuarase entre as 8.30 e as 9.30 horas no polideportivo dos Dices. Os participantes do trail tomarán a saída neste punto ás 10.00 da mañá e os da andaina farano un cuarto de hora máis tarde, ás 10.15 horas. A meta situarase tamén no pavillón dos Dices.
Todas as persoas inscritas recibirán de agasallo unha camiseta co seu dorsal. Así mesmo, poderán desfrutar duns petiscos ao rematar a proba.
O Concello de Rois quere agradecer á Deputación da Coruña, Gadis, Agronovo Rois, Casa Benjamín, Agroesparís e Panificadora San José a súa colaboración á hora de organizar este I Trail e Andaina Montes de Oleirón.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)