AD

Comarca

A choiva intermitente non desluce unha das edicións máis concorridas da Romaría de Santa Minia

today27 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

A afluencia de persoas foi moito maior ca en edicións anteriores, chegando a haber esperas de máis de 45 minutos para visitar o sepulcro e de ata media hora para xantar nas polbeiras

O alcalde de Brión estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, a subdelegada do Goberno na Coruña, así como por alcaldes e concelleiros da contorna

27 de setembro de 2026.- Brión vive hoxe o Día Grande da Romaría de Santa Minia e, ao igual co ano pasado, a coincidencia en fin de semana disparou de xeito exponencial a chegada de visitantes, sobre todo de romeiros procedentes de puntos máis alonxados da provincia e mesmo doutras provincias galegas. Así deron fe as ducias de autobuses aparcados ao inicio da avenida de Santa Minia, xusto ao saír da autovía Santiago-Brión, de excursións organizadas dende distintos puntos de Galicia e que coincidindo coa misa solemne mesmo causaron algún que outro atasco na zona.

E iso a pesar de que as previsións meteorolóxicas se cumpriron e a choiva foi un ano máis protagonista durante toda a mañá, se ben de xeito intermitente e moito máis feble ca na edición anterior. Iso si, disparou as vendas de paraugas case que en calquera dos máis de 150 postos de venda que ateigaron a avenida de Santa Minia: rosquillas, roupa, chourizos, antigüidades, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados… e paraugas, o produto estrela desta mañá.

Mellora da accesibilidade

A previsible chegada dun maior número de romeiros de idade avanzada, que adoita producirse cando coincide o Día Grande en domingo, motivou que o Concello de Brión incrementara as medidas para facilitar a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. Así, ademais de teren un acceso directo ata a carballeira de Santa Minia en coche, tamén contaban con varias ramplas tanto á carballeira como ao santuario, que facilitaron a accesibilidade tanto das persoas maiores como de aquelas en cadeiras de rodas e as familias con carriños de bebé.

Ademais, tamén puideron estrear os novos baños públicos instalados no baixo do palco da música, cun deles adaptado para persoas con mobilidade reducida. Uns aseos que se unen aos baños portátiles que cada ano se instalan en varios puntos do campo da festa.

Esperas de 45 minutos

Aínda así, o tempo non fixo minguar nin a devoción nin as gañas de festa dos presentes, que seguiron cumprindo coas tradicións desta romaría durante toda a xornada. Se o ano pasado as máximas agardas para entrar no Santuario de Santa Minia. Foi de 30-35 minutos, hoxe disparouse a máis de 45 minutos dende a misa das 11 ata o xantar. E antes as esperas foron de 25-30 minutos, cando o habitual é de 15-20, o que dá unha idea da gran afluencia de devotos que cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa, pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano e deixar ao seu pe as figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos mercaran minutos antes nos postos que rodean a capela. Figuras entre as que tamén se inclúen animais, para pedir tamén a intercesión da Santa.

Coma en anos anteriores, e por razóns de seguridade, as candeas de ofrenda que traían os romeiros non foron depositadas na capela senón na casa reitoral, onde tiveron lugar as misas. Como curiosidade, este ano a cola de acceso ao templo formouse de xeito inverso ao tradicional. Ata o de agora, a xente adoitaba saír da misa na casa reitoral e dirixirse despois ao santuario, polo que a cola formábase costa abaixo da avenida de Santa Minia. Nesta ocasión, a fila comezaba diante da casa do Concello e subía pola avenida ata a entrada do santuario. Un cambio que mesmo motivou algún cruce de declaracións entre as persoas que levaban tempo agardando e as que saían da misa e pensaban que non había cola para visitar a santa.

Polbo a 15 euros

Ao seu carón, as cinco polbeiras estiveron cheas desde a súa instalación na noite de xoves e non deixaron de vender racións de polbo e de churrasco, a un prezo de 15 euros, un máis ca en 2025. Hoxe, Día de Santa Minia, a espera media para entrar nelas era duns 20 minutos, se ben había algunhas que eran máis acesibles.

Pola súa banda, as atraccións infantís ateigaron a finca fronte ao centro social polivalente, onde manteñen un horario inclusivo de 16:00 a 17:00 horas no que funcionan sen son para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional. Entre esta parcela e o santuario de Santa Minia apostáronse varios food-truck, que serviron de alternativa para moita mocidade e para aqueles grupos que non daban atopado lugar onde reservar para xantar en Brión ou en Bertamiráns.

A música nas rúas brionesas correu a cargo do grupo de gaitas “O Pichel” e a charanga Os Celtas, mentres que a sesión vermú correu a cargo da orquestra Miramar.

Autoridades

O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu o “extraordinario traballo que están a realizar os traballadores municipais, así como os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, tanto de Brión como chegados doutras localidades, así como do persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”.

Lago Sanmartín guiou pola Romaría á comitiva oficial encabezada por Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; e Obdulia Taboadela, subdelagada do Goberno na Coruña, quen desculpou a ausencia de última hora do delegado do Goberno. Canda eles, Marcos Gömez, Comisario para o Ano Santo Xacobeo 2027, José Antonio Grandas, subdirector xeral de Planificación e Protección Civil; e os alcaldes de Negreira, Ángel Leis; Dodro, Xabier Castro; Porto do Son, Luís Oujo; e Val do Dubra, Diego Díaz; e o deputado provincial Antonio Leira, ademais de concelleiros e concelleiras da comarca.

Pola súa banda, Diego Calvo destacou que “hai moitísima xente e, aínda que apareceu un pouco de auga durante a mañá estou seguro de que vai seguir chegando moitísima xente a tomar o polbo e gozar dunha romaría das de sempre”.

Para esta tarde, gran actuación de Luar na lubre co seu concerto “Lubre: 40 aniversario”, coa Banda Municipal de Música de Brión de predecesores e orquestra Miramar como fin de festa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *