Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 febrero, 2024
6 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, presentou hoxe a súa proposta de poñer en marcha o Bono Actívate, unha axuda universal de 100 € para apoiar aos maiores de 65 anos nos gastos que supón a práctica deportiva.
O obxectivo é fomentar a práctica deportiva “ata que un queira” e mediante unha axuda económica universal “sen ter en conta nin renda nin grao de dependencia” coa que sufragar gastos como as cotas das instalacións deportivas ou o custo das clases e o material.
“Igual que axudamos ás familias con menores e 16 anos que practican algún deporte federado ou no programa Xogade co Bono Deporte, é de xustiza facelo tamén coa xeración que nolo deu todo e achegou os recursos que fan posibles medidas como esta”, explicou engadindo que “o deporte se pode facer a todas as idades”.
Ante máis de 150 representantes de federacións e clubs deportivos, Rueda asegurou que “o deporte en Galicia funciona” e que a nosa Comunidade “é cada vez máis deportiva”. De aí o seu compromiso de seguir fomentando e apoiando desde o Goberno galego a práctica deportiva, tanto no que se refire ás federacións, como ao deporte escolar, ás instalacións deportivas ou ás axudas para profesionais.
“Poucas cousas podemos facer tan boas como promocionar o deporte e convertelo nunha actividade fácil de practicar e que xere retorno”, asegurou mostrando a súa aposta por facer de Galicia unha Comunidade que toda España identificase co deporte grazas á súa contorna privilexiada, aos seus deportistas referentes e aos campionatos que acolle ano a ano.
Neste sentido explicou que Galicia “ten un especial valor deportivo que hai que potenciar e tentar mellorar” no que se refire á súa contorna natural, á súa tradición deportiva e aos enclaves que ofrece para a práctica deportiva. Insistindo especialmente na retroalimentación que se dá entre o deporte e o turismo.
“O deporte ten un gran impacto en termos de movemento económico: atrae a moita xente que gasta o seu diñeiro aquí e logo quere volver se lle gusta a nosa terra. Polo que non hai dúbida de que o deporte é rendible en todos os sentidos e de que non hai mellor viaxe turística que a organización dunha proba deportiva”, concluíu.
O DEPORTE NON ENTENDE DE IDADE
Antes de clausurar o acto organizado polo PPdeG, Alfonso Rueda realizou unha visita ás instalacións deportivas de La Solana, onde tivo a oportunidade de atoparse co exfutbolista Ramón Piña e co exxogador do RC Deportivo da Coruña Dagoberto Moll, que aos seus 96 anos continúa realizando actividade física durante tres horas ao día e cinco días á semana.
O acto albergou tamén unha mesa redonda moderada por José Ramón Lete e na que participaron Carlos Cortés (vinculado ao Club Maristas Baloncesto e árbitro ACB), Elena Roca (directora técnica e vicepresidenta do CRAT Arquitectura), Ángel López (paradeportista Club ENKI Deporte adaptado inclusivo) e Bruno López (presidente da Federación Galega de Balonmán).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)