Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 octubre, 2026
Míriam Louzao e María Rozas defenden a mellora do servizo, mentres Adrián Villa cuestiona a planificación e Marta Abal reclama atender as 15 demandas da coordinadora veciñal. As novas liñas comezarán a funcionar o 15 de decembro, segundo anunciou Rozas.
O novo contrato de autobuses de Santiago de Compostela abriu un intenso debate en Radio Líder Santiago entre Míriam Louzao, do BNG; María Rozas, de Compostela Aberta; Adrián Villa, do PP, e Marta Abal, do PSdeG-PSOE. A reorganización das liñas, os transbordos e a cobertura do rural centraron as discrepancias entre as representantes do goberno municipal e a oposición, nunha conversa na que tamén se abordaron as peticións veciñais e a conexión dos Tilos.
Louzao cualificou a renovación do transporte urbano como «un paso de xigante» para a mobilidade compostelá. A representante do BNG destacou a chegada ás parroquias rurais, a incorporación do bus nocturno e a mellora das frecuencias. Defendeu que a reorganización busca prestar servizo a máis persoas e fixo «unha chamada á tranquilidade» ante os cambios que deberán asumir os usuarios nos seus percorridos habituais.
Os transbordos foron un dos principais puntos de confrontación. Louzao argumentou que o aumento das frecuencias permitirá facer os enlaces con máis facilidade, aínda que precisou que a nova rede non está baseada exclusivamente neles. «Vai haber a posibilidade de facer viaxes de punto a punto moitísimo máis alta que antes», afirmou. Como exemplo, sinalou que as liñas C2 e C4 pasarán de circular cada 40 minutos a facelo cada 20.
Adrián Villa expresou «serias dúbidas» sobre o modelo. O representante popular sostivo que Santiago é unha cidade relativamente pequena e que os usuarios buscan «traxectos áxiles e rápidos dun punto ao outro». Advertiu de que os enlaces poden alongar as viaxes pola espera entre autobuses e polos posibles atrasos derivados do tráfico.
Villa tamén cuestionou o traballo previo de análise dos desprazamentos. Segundo expuxo, botou en falta enquisas nos propios autobuses para coñecer as orixes e os destinos dos pasaxeiros. No caso do rural, cualificou a proposta de «postureo» e advertiu de que percorrer varias parroquias antes de enlazar con outra liña pode incrementar considerablemente o tempo necesario para chegar aos servizos urbanos.
Louzao rexeitou esa valoración e respondeu que non é viable ofrecer conexións directas desde cada domicilio a todos os destinos. A representante do BNG insistiu en que as decisións procuran optimizar os recursos municipais e mellorar o servizo para o maior número posible de usuarios.
Marta Abal pediu tempo para avaliar o funcionamento do contrato, pero cuestionou que nesta primeira fase non se incorporasen todas as demandas da Coordinadora de Asociacións Veciñais. A representante socialista explicou que a entidade presentou 15 peticións concretas, algunhas recollidas parcialmente e outras pendentes, e reclamou ao goberno unha resposta «na maior celeridade posible».
Abal vinculou esa esixencia ao investimento previsto. «Estamos ante o contrato máis caro e, en consecuencia, debe ser o máis eficiente», afirmou. Tamén expresou preocupación pola cobertura do rural os sábados pola tarde, os domingos e os festivos, e pola sustentabilidade económica dun contrato que, segundo indicou, terá unha duración de 13 anos. O PSdeG-PSOE defendeu que a súa proposta para atender as parroquias rurais pasaba polo transporte a demanda.
María Rozas rexeitou que a planificación fose unha ocorrencia do actual executivo. A representante de Compostela Aberta asegurou que o contrato se elaborou a partir de estudos e informes, parte deles procedentes de mandatos anteriores, e citou un traballo de Miguel Pazos sobre a prestación do servizo no rural. «Non se saca un contrato de máis de cento e pico millóns de euros sen ter esa información», sostivo.
Rozas reivindicou o esforzo económico municipal e a extensión do transporte a lugares aos que non chegaba o autobús. Fronte ás críticas pola cobertura das parroquias, defendeu que a nova rede supón unha mellora respecto da situación existente e destacou tanto o aumento das frecuencias como a incorporación do servizo nocturno.
A representante de Compostela Aberta situou no 15 de decembro a entrada en funcionamento das novas liñas e explicou que, unha vez formalizado o contrato, se estudarían pequenos axustes nos percorridos. Segundo indicou, será posible introducir modificacións sen alterar os quilómetros totais do servizo, por exemplo para cambiar o paso por unha rúa se outra alternativa permite atender mellor a demanda.
Esa capacidade de adaptación provocou un novo cruzamento de críticas. Villa considerou que as queixas e peticións evidencian «improvisación», mentres Louzao replicou que «vostede confunde improvisar con xestionar». Rozas defendeu a necesidade de poder modificar o servizo durante a súa vixencia e cuestionou que a sustentabilidade económica deba ser o criterio determinante: «Eu non creo que o transporte público teña que ser un servizo sostible no económico».
A renovación tamén incluirá, segundo anunciou Louzao, unha nova aplicación para consultar en tempo real a chegada dos autobuses e máis información sobre as liñas e as paradas. A representante do BNG recoñeceu que os cambios requirirán un período de adaptación e insistiu en comprobar os resultados unha vez implantada a rede.
No tramo final, a discusión trasladouse á liña 12 e á conexión dos Tilos. Rozas indicou que está solicitada a convocatoria da comisión de seguimento das liñas 6 e 12, onde se abordará esta cuestión, e defendeu que o novo contrato mellora a conexión cos hospitais. O intercambio pechou o debate entre interrupcións e sen unha explicación detallada sobre o futuro da liña 12.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)