AD

Actualidad

Boiro acelera as obras de abastecemento tras os cortes que afectaron a vivendas e empresas

today1 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

José Ramón Romero explica en Radio Líder Santiago os problemas de subministración que afectaron á veciñanza e ao polígono de Espiñeira e repasa as inversións municipais, o apoio aos centros educativos e os programas de emprego.

O Concello de Boiro acelera as actuacións na rede de abastecemento despois dos problemas de subministración que afectaron a vivendas e empresas do municipio. O alcalde, José Ramón Romero, explicou nunha entrevista en Radio Líder Santiago que a combinación da seca e das avarías na captación do Ulla provocou unha caída dos niveis dos depósitos que custou varios días recuperar. «Das semanas máis complexas que levo na Alcaldía», recoñeceu ao referirse a un episodio que comprometeu «un servizo básico para a poboación».

Segundo relatou, dúas avarías interromperon a achega de auga do Ulla desde a noite do luns ao martes ata última hora do martes. As captacións propias, afectadas pola seca, non permitiron compensar esa falta de subministración. A recuperación dos niveis óptimos dos depósitos principal e de Espiñeira demorouse ata a madrugada do luns seguinte, malia solicitar apoio á planta de Padrón.

Os problemas chegaron tamén ás empresas do polígono, que, segundo o rexedor, sufriron dificultades de abastecemento durante un día ou día e medio. Durante o verán xa se rexistraran episodios de falta de presión nas zonas altas do municipio, aínda que Romero sinalou que a situación descrita na entrevista foi máis grave. «Que queremos ducharnos, que queremos facer a comida», lembrou para explicar as consecuencias dos cortes na vida cotiá.

A resposta municipal pasa por adiantar obras que estaban previstas para finais de ano e comezos do seguinte. Entre elas figura a substitución da tubaxe vinculada ao bombeo do río Coroño. O alcalde explicou que as bombas, con máis de corenta anos, xa foran renovadas, pero quedara pendente cambiar as conducións, que seguían rexistrando roturas ao aumentar o bombeo. A súa previsión é executar esa actuación antes de rematar o ano.

«A solución, estamos con ela», afirmou Romero, que tamén anunciou controis de fugas e conexións ilegais, ademais de melloras na dixitalización e na división da rede en zonas para coñecer mellor os caudais. O obxectivo é aumentar a autonomía do abastecemento municipal e reducir a dependencia de achegas externas. «É un problema que vén de moitos anos e que temos que poñerlle fin», sostivo.

A auga tamén forma parte das actuacións noutros núcleos. O rexedor explicou que un grupo de arredor de doce vivendas da parroquia de Bealo, que se abastecía mediante captacións propias, está a tramitar as conexións á rede municipal. Presentou esta intervención como unha solución ás dificultades que a veciñanza padecía especialmente no verán.

No repaso ás inversións, Romero destacou a futura aula gastronómica do mercado de abastos, cun investimento de 576.000 euros e unha achega da Xunta superior aos 200.000. A iniciativa busca ampliar os servizos aos negocios da praza e acompaña a solicitude do distintivo de mercado de excelencia. Tamén citou a pavimentación do polígono industrial, a creación dun parque psicomotriz para menores de tres anos na praza do Concello e as reformas de centros sociais en Cures, San Ramón e Ponte Beluso.

O deporte ocupa outro capítulo da axenda municipal. Segundo o alcalde, as melloras nos campos de Barraña e Vista Alegre supuxeron preto de 200.000 euros. A estas actuacións súmanse axudas deportivas por máis de 200.000 euros, cun anticipo do 70 % dos convenios para facilitar liquidez aos clubs. «Agradecen que se adiante ese diñeiro», explicou.

Romero avanzou, ademais, a creación de catro salas multideporte e dunha bancada para a piscina no complexo da Cachada, nunha actuación superior aos 400.000 euros, así como a renovación da herba artificial do campo número un de Vista Alegre.

Na área educativa, reivindicou o proxecto En Clave, nacido en 2021 a partir das reunións coa comunidade escolar. O programa incorpora apoio psicolóxico e revisións da vista, entre outras medidas para atender dificultades de aprendizaxe e de saúde, especialmente mental. «É un proxecto vivo», definiu, que se adapta ás necesidades detectadas en primaria e secundaria. Malia lembrar que a educación non é competencia municipal, defendeu que «os concellos tamén hai veces que temos que estar aí».

O alcalde tamén puxo en valor a actividade do centro de formación e do viveiro de empresas de Espiñeira. Segundo os datos que ofreceu, os programas forman entre 300 e 400 mozos ao ano e alcanzan unha taxa de inserción laboral do 74 %. Vinculou estes resultados ao contacto directo coas empresas do Barbanza: «O que facemos é preparar os rapaces para eses postos».

A entrevista pechouse coa recuperación dos encontros «Café co alcalde». Romero asegurou que o 80 % das demandas recollidas na anterior reunión de Macenda xa estaban executadas e defendeu a utilidade destas citas para coñecer necesidades que poden pasar inadvertidas ao goberno local. «Son moi produtivas», afirmou, antes de convidar á participación no Día da Bici, anunciado para o domingo ás once da mañá na praza do Concello.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *