Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 julio, 2024
29/07/2024 As festas do Apóstolo celebraron este luns o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa.
A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse á Casa do Concello.
No Salón Vermello do Pazo de Raxoi, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e o rexedor padronés, Anxo Rei, destacaron os máis 60 anos de tradición desta irmandade entre Compostela e Padrón.
A rexedora compostelá recordou a importancia de «buscar os puntos de colaboración» e os «espazos de colaboración» entre as dúas vilas, e fixo fincapé na prioridade que comparten na actualidade de «compaxinar o atractivo patrimonial, histórico e cultural con garantir a mellor calidade de vida á veciñanza», así como o de traballar conxuntamente para «conseguir que haxa diversificación económica», buscando «saídas laborais tanto para a xente moza como para as mulleres».
Anxo Rei agradeceu o convite e lembrou os fortes vínculos entre ambas urbes, e aludiu ao reto da xestión do turismo en ambas vilas e na importancia de «asegurar a calidade de vida dos veciños e as veciñas». O rexedor convidou a Corporación a unha nova celebración do Día de Santiago en Padrón a vindeira Pascua.
Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)