AD

Actualidad

Santiago impulsa un programa para diversificar a oferta turística máis alá da Cidade Histórica

today24 abril, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago de Compostela puxo en marcha un Programa de Creación de Experiencias Turísticas dirixido a empresas e entidades locais. A iniciativa busca redistribuír os fluxos de visitantes, reducir a presión sobre o entorno monumental e favorecer un desenvolvemento turístico máis equilibrado e sustentable no conxunto do municipio.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou este xoves o programa acompañada polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o responsable da empresa adxudicataria, Víctor Sixto.

Míriam Louzao lembrou que a diversificación turística é unha das “prioridades irrenunciables” do goberno municipal, desde o convencemento de que “un destino sostible é tamén un destino mellor, máis competitivo e máis xusto para quen vive aquí e para quen nos visita” e sinalou que nesa dirección se orienta o Programa de Creación de Experiencias Turísticas, favorecendo a visibilidade de espazos, barrios e propostas menos coñecidas. Esta iniciativa favorecerá tamén a desestacionalización.

O programa enmárcase no Plan de Sustentabiliddade Turística en Destino e conta con financiamento conxunto do Concello de Santiago de Compostela, a Secretaria de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia. Esta cofinanciación permite que a participación sexa completamente gratuíta para as entidades e empresas participantes.

Xosé Manuel Merelles valorou que este programa impulsa unha renovación do modelo turístico, para achegar variedade co “obxectivo fundamental de que Santiago siga sendo ese gran foco de atracción turística para Galicia”.

Pola súa banda, Víctor Sixto, responsable de Innotur, puxo o foco na utilidade do programa para “mellorar as capacidades do propio tecido para que poida seguir dinámicas de creación de novas experiencias” e impulsar a cooperación entre as empresas.

Un proceso estruturado, do concepto ao mercado

O programa articula a súa metodoloxía en tres fases consecutivas. A primeira céntrase no deseño das experiencias, onde as entidades e as empresas participantes traballan na definición e estruturación das súas propostas, adaptándoas tanto á demanda do mercado como ás características propias do destino.

A segunda fase aborda a implementación e comercialización, desenvolvendo os aspectos operativos de cada experiencia e as estratexias necesarias para o seu posicionamento e venda. Neste tramo, as entidades contarán con acompañamento directo para establecer relacións comerciais con axencias de viaxes e turoperadores.

A terceira fase contempla o testeo en condicións reais de mercado. Este proceso de validación permite avaliar o funcionamento de cada experiencia, introducir axustes e reforzar a súa comercialización antes do lanzamento definitivo.

Ao longo de todo o proceso, os participantes recibirán formación práctica especializada, asesoramento técnico individualizado e a posibilidade de traballar en co-creación con outros axentes do territorio.

Descentralizar o turismo, un obxectivo estratéxico

O programa responde a unha prioridade clara da política turística municipal: reducir a concentración de visitantes na zona monumental e poñer en valor os recursos culturais, naturais e patrimoniais distribuídos polo resto do territorio. A iniciativa está dirixida a empresas e entidades situadas en áreas da cidade que ata agora contaron cunha menor presenza na oferta turística. O obxectivo é impulsar novas experiencias e atraer visitantes a zonas que amplíen e diversifiquen a proposta turística da cidade.

Con esta actuación, o Concello reforza a súa aposta pola innovación e a diversificación como eixos do novo modelo turístico de Santiago, un modelo que aspira a ser máis competitivo, máis sustentable e máis xusto no reparto dos seus beneficios económicos entre o conxunto do tecido local.

As inscricións están abertas en www.compostela.creacionexperiencias.com/gl/.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *