AD

Actualidad

‘Santiago proxectado, arquitecturas non construídas’ recibe no seu primeiro mes máis de 6.000 visitantes

today19 diciembre, 2023

Fondo
share close
AD

19/12/2023.- A Casa do Cabido pechará 2023 coa maior cifra de asistencia desde que foi restaurada no ano 2011 como sala de exposicións.

A exposición da Casa do Cabido, ‘Santiago proxectado, arquitecturas non construídas’, inaugurada o pasado 14 de novembro, recibiu no seu primeiro mes aberta ao público a máis de 6.000 visitantes.

Esta boa acollida dá continuación á que tamén recibiu a anterior mostra, ‘Lorca en Compostela’, que durante os catro meses que estivo dispoñible recibiu a máis de 26.000 persoas.

Con estas cifras, a Casa do Cabido pechará este 2023 coa mellor asistencia histórica desde que no ano 2011 foi restaurada polo Consorcio de Santiago para formar parte da rede de museos da cidade histórica.

Quen desexe visitar a mostra nestas datas de Nadal, pode facelo de balde no horario de apertura, que é de 10 a 14 horas e 16 a 20 horas de martes a sábado, sendo os domingos de 11 a 14 horas. A exposición estará dispoñible ata o mes de febreiro.

Catorce proxectos

Esta mostra pioneira reúne por primeira vez en Compostela e en Galicia unha serie de proxectos urbanísticos e arquitectónicos xestados ao longo da historia da cidade e que por diversas circunstancias non chegaron ao seu fin e permanecen no descoñecemento ou no esquecemento.

Foi comisariada polo historiador e xornalista Fernando Franjo e a historiadora da arte Ana Paula Castro. Contou tamén co apoio técnico dun equipo de arquitectos coordinado por Paula Franjo.

‘Santiago proxectado’ fai un percorrido cronolóxico pola historia de Compostela baixo o punto de vista da súa arquitectura non edificada e, en opinión dos comisarios, ademais da visibilización destes proxectos arquitectónicos e urbanísticos, pode entenderse como unha reflexión sobre a historia social e cidadá e un paso máis no coñecemento do pasado compostelán.

A exposición analiza un total de catorce proxectos que puideron supoñer unha enorme mudanza na configuración urbanística da Compostela que hoxe en día coñecemos. Algunhas destas propostas foron redactadas por grandes mestres da arquitectura do talle de Rafael Moneo, Álvaro Siza, Norman Foster, Antonio Palacios ou Alejandro de la Sota, entre outros. Ademais, unha liña do tempo nomea un total de máis de corenta proxectos non executados pouco coñecidos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%