Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 septiembre, 2024
10/09/2024 As interioristas DenaDinteriores e Spacio-B, Almudena Rodríguez e Beatriz Barril, adscritas a Artesanía de Galicia, presentaron esta mañá Creafogar, un espazo efémero e innovador de deseño e interiorismo que reunirá a destacados profesionais, fabricantes e artesáns galegos. A concelleira de Promoción Económica, María Rozas, tamén participou na presentación deste evento que conta co apoio e colaboración do Concello de Santiago.
A cidade de Santiago será o escenario de Creafogar, un evento innovador no que participan máis de 150 marcas galegas. A presentación oficial tivo lugar nunha rolda de prensa organizada polas interioristas Almudena Rodríguez, DenaDinteriores, e Beatriz Barril, Spacio-B. A casa de Creafogar, na Rúa Nova 24, abrirá as súas portas o 20 de setembro, cunha duración de 20 días, e reunindo a destacados profesionais do deseño, a artesanía e a construción de Galicia nun espazo único, impulsado polo Concello de Santiago, Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Artesanía de Galicia, Axenda Urbana 2030, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Woman Emprende.
Na presentación participaron María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude; Santiago Boquete, subdirector xeral de Servizo Público de Emprego de Galicia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e Eva López Barrio, xerente do programa «Woman Emprende» da USC.
Na súa intervención, María Rozas salientou que desde o Goberno municipal «compartimos filosofía e obxectivos con Crea Fogar» e «reivindicamos a recuperación do noso patrimonio arquitectónico, a rehabilitación de inmobles en desuso para seren vividos». O Concello de Santiago colabora, entre outras cuestións, na organización de tres mesas de debate: o reto da vivenda, os oficios tradicionais, e o mercado de barrio.
Na rolda de prensa, comunicouse o contexto no que nace Creafogar, un punto de encontro para todos aqueles interesados no deseño, a artesanía e a cultura galega, marcando un antes e un despois no panorama do interiorismo en Galicia. Santiago Boquete, subdirector xeral de Servizo Público de Emprego de Galicia destacou a importancia de impulsar e participar en eventos de esta índole: «dende a Xunta de Galicia apoiamos dende o inicio a iniciativa de Creafogar pola súa relevancia e a posta en valor que se fai da formación sectorial, os oficios tradicionais e artesania en clave galega».
As promotoras
Almudena Rodríguez da firma DenaDinteriores e Beatriz Barril da firma Spacio-B poñen en marcha a I Edición de Creafogar. Dúas interioristas acreditadas polo selo Artesanía de Galicia que, con máis de 20 anos de experiencia no sector, deseñarán «en clave galega» o interiorismo de toda a vivenda, ademais de coordinar ós diferentes creadores e gremios da construción participantes no evento.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)