AD

Actualidad

Sindo Guinarte: «As festas do Apóstolo non están á altura do que merece Santiago»

today16 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O Grupo Municipal Socialista cuestiona tamén que o videomapping se financie con fondos da taxa turística sen que estea constituído o Foro de Turismo Sustentable.

O Grupo Municipal Socialista criticou este mércores a programación das Festas do Apóstolo, que considera «pouco ambiciosa» e insuficiente para responder á relevancia da principal celebración de Santiago. O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, lamentou que o Goberno municipal presente un programa que, malia definilo como continuista, «en vez de mellorar esa continuidade, empeora».

Guinarte censurou o atraso na presentación da programación, a redución da duración das festas e a ausencia dun gran reclamo capaz de atraer visitantes e proxectar a imaxe de Santiago máis alá de Galicia. Ao seu xuízo, para os preto de 900.000 euros que o Concello destina ás celebracións «hai pouca ambición e pouco resultado».

O voceiro socialista advertiu de que a escasa planificación, a limitada promoción exterior e a redución dos espazos con programación restan atractivo ás festas e diminúen tamén o seu impacto económico sobre o comercio e a hostalaría da cidade.

Ademais, cuestionou que o videomapping anunciado polo Goberno municipal se financie con cargo aos fondos da taxa turística sen que previamente se constituíse o Foro de Turismo Sustentable, órgano encargado de asesorar sobre o destino destes recursos. Para Guinarte, esta decisión evidencia a falta de planificación e participación na xestión da taxa.

Neste contexto, a concelleira socialista Marta Abal asegurou que o recente informe do Consello de Contas avala as críticas que o Grupo Municipal Socialista leva formulando desde a aprobación da ordenanza da taxa turística en xullo de 2025. Segundo explicou, o organismo fiscalizador confirma que o Concello comezou a recadar sen definir previamente o destino dos ingresos e que, case un ano despois, segue sen existir unha planificación pública e detallada sobre o seu investimento.

Abal denunciou tamén que o Foro de Turismo Sustentable continúa sen constituírse máis de nove meses despois da entrada en vigor da taxa, unha situación que cualificou de «problema claro de transparencia e de participación activa». Así mesmo, reclamou que o Goberno municipal publique datos desagregados das autoliquidacións por tipoloxía de establecemento para mellorar o control da recadación e reforzar as políticas de vivenda e de inspección turística.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reclama a constitución inmediata do Foro de Turismo Sustentable, a presentación dun plan detallado sobre o destino dos ingresos da taxa turística e a publicación periódica de información desagregada sobre a súa recadación. Ao mesmo tempo, insta ao Goberno municipal a recuperar a ambición nas Festas do Apóstolo para que estean «á altura da cidade e da súa principal celebración», reforzando a súa capacidade de atracción e proxección exterior.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *