AD

Arte y Cultura

Son Xove e Son Vermú: a música será protagonista do Nadal na praza Roxa

today28 noviembre, 2023

Fondo
share close
AD

28/11/2023.- Dinamizar o comercio, ofrecer alternativas de ocio á veciñanza, e poñer en valor o talento da mocidade de Compostela. Son os obxectivos das actividades de Nadal organizadas desde a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. A concelleira, María Rozas, explicou que «o Ensanche estará todo o mes de decembro cheo de actividades novidosas, pensadas para todos os públicos, e centralizadas na Praza Roxa, que será un dos puntos neurálxicos das festas».

A tenenta de alcaldesa deu conta dos detalles desta programación nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola técnica do departamento de Comercio, Lucía Castro, e pola responsable de Mocidade, Noela Vilas.

Son Xove e Son Vermú

A música estará moi presente na Carpa Roxa con dúas iniciativas novidosas nas que colaboran os departamentos de Xuventude e Comercio e que se desenvolverán nas tardiñas dos venres e nos mediodías dos sábados.

A primeira delas é a denominada «Son Xove», que estará protagonizada polas bandas que utilizan os locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga. María Rozas explicou que «con este programa procuramos un dobre obxectivo: contribuir á dinamización do Ensanche, e promocionar o talento mozo e local, do que temos que estar moi orgullosas». A concelleira salientou que «para as bandas que forman parte do cartel é unha gran oportunidade poder tocar nun espazo como a Praza Roxa, onde se poderán dar a coñecer entre un público moi heteroxéneo».

O «Son Xove» desenvolveráse todos os venres de decembro, con dúas actuacións en cada xornada, a primeira ás 20.00 e a segunda ás 21.00 horas. O programa arrancará o día 1, con dúas bandas que combinan o rock e o punk, Liskadakí e Killo Karallo. O 8 de decembro será o turno de Abella e Filloas; e o 15 tocarán Funky Kongs e Boa Sunet. Xa no 22 de decembro, será o turno de Las Sinsen e Ulex. Por último, para o 29 de decembro está prevista unha Jam de Nadal, que comezará ás 20.00 horas e na que participarán usuarios e usuarias dos locais de ensaio do Centro Xove.

En canto ao «Son Vermú», é a proposta da concellaría de Promoción Económica e Comercio para dinamizar as mañás dos sábados de decembro no Ensanche, con música na Carpa Roxa desde ás 13.00 horas. Na primeira sesión, o 2 de decembro, poderemos escoitar a Espiño, o proxecto do coñecido músico compostelán Alfonso Espiño que, tal e como el explica, combina pop art, rock progresivo, folk e psiquedelia. Ao sábado seguinte, 9 de decembro, pola Carpa Roxa pasará Sheila Patricia, unha das voces que se teñen convertido en referencia en Galicia. O 16 de decembro o escenario da Praza Roxa será para a banda cubano-galega La Yuca Funk, e a pontevedresa Helena Egea, que vén de publicar o seu primeiro single, tomará o relevo o día 23. O «Son Vermú» pecharase o 30 de decembro coa actuación de Pauliña, outro nome xa consolidado do panorama musical galego, con tres albums publicados nos que mestura o folk, o rock e o blues.

Xogos, atraccións e outras actividades

Ademais das actuacións musicais, a Carpa Roxa acollerá outras actividades ao longo de todo o mes, desde baile tradicional a cantos de Nadal, pasando por obradoiros infantís ou unha sesión de contacontos en inglés para crianzas a partir de 3 anos, que se celebrará o 7 de decembro.

Doutra banda, de maneira complementaria á Carpa Roxa, na praza vanse ubicar pequenas atraccións para nenos e nenas, como unha mininoria a pedais, un pequeno tren, ou unha mininoria luminosa. As atraccións serán de balde, e iranse instalado de maneira progresiva desde o 6 de decembro ata o 7 de xaneiro. Os horarios de funcionamento serán de mañá e tarde do 6 ao 10 de decembro e do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, salvo os días 24 e 31 de decembro nos que funcionarán só pola mañá, e os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro nos que permanecerán pechados. Fora do período das vacacións de Nadal e da Ponte da Constitución, funcionarán só de tarde de luns a venres, e todo o día nos sábados e domingos.

Por último, na Carpa Roxa vaise instalar, na tarde do 23 de decembro, a ruleta da campaña #EuMercoAquí, que repartirá agasallos para a clientela do comercio local. Para participar só será preciso achegarse co ticket dalgunha compra realizada entre o 1 e o 23 de decembro no comercio local, por un importe mínimo de 5 euros.

Mercado de Nadal de Carreira do Conde

A concelleira de Promoción Económica e Comercio tamén deu máis detalles hoxe do Mercado de Nadal de Carreira do Conde, que se celebrará desde o 1 de decembro ata o 5 de xaneiro. María Rozas reiterou que «esta é unha iniciativa xa consolidada no Nadal de Compostela, que cada vez xera máis interese entre a clientela pero tamén entre artesáns, produtores e comerciantes». Desta volta, no Mercado haberá 15 casetas, e establecéronse cinco quendas, unha por semana, para garantir a participación do maior número de persoas interesadas posible.

O Mercado de Nadal funcionará en horario de mañá e tarde, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas. Os días 24 e 31 de decembro abrirá só pola mañá, e o 25 de decembro e o 1 de xaneiro estará pechado.

O Mercado de Nadal contará cun espazo infantil no que se desenvolverán obradoiros e xogos para os nenos e nenas. Serán ás 18.00 horas os días de semana, e ás 12.00 e ás 18.00 os sábados e domingos. Nos talleres, os nenos e nenas aprenderán a facer grilandas, figuras de neve, caixiñas de agasallos, ou mesmo bolas de Nadal comestibles. As actividades serán tamén de balde.

O Mercado de Nadal de Carreira do Conde complementarase co mercado de Área Central, que se celebrará do 22 de decembro ao 5 de xaneiro. Entre as dúas localizacións participarán máis dun cento de empresas expositoras.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%